Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura “A min non me comas” Alumnado do cole Carlos Casares de #Nigrán galardoados pola TVG e a Xunta.

“A min non me comas” Alumnado do cole Carlos Casares de #Nigrán galardoados pola TVG e a Xunta.

Correo-e Imprimir PDF
aminnonmecomas

A Consellería de Cultura e Educación fixo pública hoxe a resolución, que recoñece tres curtas de animación en galego elaboradas por profesorado e alumnado de infantil e primaria e entre as gañadoras atópase A min non me comas, unha entrañable historia para espantar "monstros nocturnos", realizada polo alumnado de 4º do colexio de Vilariño. Segundo da conta a web do Ceip Carlos Casares o traballo foi supervisado polos profesores Iago Castiñeira, Ana Penín e Ana Domínguez.

De acordo coas bases do concurso, cada un destes centros recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas recibirá da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

A cuarta edición do concurso Nós tamén creamos!, promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora no marco do programa de dinamización lingüística do mesmo nome, xa ten gañadores. Fixéronse con eles os CEIP Bergantiños de Carballo, Torre-Illa da Illa de Arousa e Carlos Casares de Nigrán. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública hoxe a resolución do xurado, que recoñece tres curtas de animación en galego elaboradas por profesorado e alumnado de infantil e primaria.

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación do Profesorado e Innovación Educativa, a consellería que dirixe Román Rodríguez ofrece con este programa de dinamización lingüística para os centros educativos materiais, formación e asesoramento para que poidan converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador. A iniciativa complétase cun concurso que recoñece as mellores curtas de animación en galego elaboradas partindo de contos coa técnica stop-motion.

"Nós tamén creamos!" persegue incentivar o uso da lingua galega entre os máis novos; favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.
Tres premios e tres mencións

Na modalidade de educación infantil, a curta premiada foi A voda dos ratos, do CEIP Bergantiños, de Carballo; na categoría de primeiro e segundo de primaria, o traballo galardoado foi Quen levou a lúa?, do CEIP da Torre-Illa, da Illa de Arousa, e na de terceiro e cuarto de primaria recoñeceuse a curtametraxe A min non me comas!, do CEIP Carlos Casares de Nigrán.
A alta calidade dos traballos presentados a concurso motivou que o xurado acordase outorgarlles tamén mencións ás seguintes curtametraxes: "A vella na botella", do CRA de Meis, pola orixinalidade da proposta estética; "O can e o gato", do CEIP Josefa Alonso, de Vigo, pola calidade técnica e a creatividade plástica; "Un can e un gato", do CEIP Santa María, da Fonsagrada, pola expresividade lingüística e a calidade da animación.

Tanto as curtametraxes premiadas coma as que recibiron unha mención poden verse no web www.lingua.gal e mais na sección infantil do web da CRTVG.