Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Don José Filgueira, o santo das Letras Galegas 2015

Don José Filgueira, o santo das Letras Galegas 2015

Correo-e Imprimir PDF
g1

Con motivo do Día das Letras, dedicadas este ano a don José Filgueria Valverde, a profesora e veciña de Nigrán, Camiño Noia, preparou este texto publicado no DUVI, que valminor.info reproduce na súa totalidade con autorización da autora..

En plena celebración do 25 aniversario da Universidade de Vigo é tempo de botar a ollada atrás e lembrar datas e persoeiros que, dun ou outro xeito, contribuíron a facer o camiño do que hoxe é esta institución. E, entre os múltiples nomes a lembrar e enxalzar está, como non podía ser doutra maneira nesta fin de semana, o de José Filgueira Valverde, quen o 31 de maio de 1996 foi investido doutor honoris causa desta Universidade. Foi nun acto celebrado no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal no campus de Pontevedra e exerceu como madriña a catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, quen agora lembra neste artigo a figura "do polígrafo galeguista de grande importancia na cultura galega", "pioneiro na investigación" e "merecente da homenaxe que este ano recibe nas Letras Galegas".

A Universidade, que cada ano colabora na organización do Memorial Filgueira Valverde, festexará o vindeiro xoves 21 de maio o acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas. Será na cidade de Pontevedra, como lle tería gustado a Filgueira, pero desde xa comeza a homenaxe, nesta ocasión da man da que fora a súa madriña, Camiño Noia.

Don José Filgueira, o santo das Letras galegas 2015. Por Camiño Noia

Don José Filgueira (1906-1996) foi un polígrafo galeguista de grande importancia na cultura galega, desde a adolescencia ata a súa morte a fins do século pasado. Foi un pioneiro na investigación de temas literarios, con achegas que deixaron fondas pegadas na formación das primeiras xeracións de estudantes de Románicas en Compostela. Home conservador, que colaborou co Réxime da Ditadura, grazas á súa presenza nas institucións políticas do Goberno (deputado en cortes e alcalde de Pontevedra) e a participación no mundo académico, puido darlle alento á lingua e á cultura galegas nuns anos de represión e seca.

Na biografía de Filgueira cómpre salientar, na inmediata posguerra, a transformación do Seminario de Estudos Galegos, requisado pola Falanxe, no Instituto Padre Sarmiento, en colaboración con Francisco Javier Sánchez Cantón. E dentro del, a creación de Cuadernos de Estudios gallegos, publicación na que aparecen interesantes artigos sobre literatura, arte e historia de Galicia da autoría de Filgueira, á parte doutros moitos autores. En 1949 Sánchez Cantón e Filgueira crean tamén a editorial Bibliófilos Gallegos, que editou libros en galego antes de 1950; obras premiadas nos concursos de narrativa e de tradución organizadas pola mesma editorial coa intención de manter prendida a chama da lingua e da literatura galegas.

Por outra parte, como docente de Literatura española no instituto masculino de Pontevedra, Filgueira aprendeulle ó seu alumnado a importancia da literatura e da cultura popular galegas e faloulles de autores deostados polo Réxime, como Castelao, García Lorca e Otero Pedrayo. Mais, o seu maxisterio non se limita ás aulas, o profesor pontevedrés deu centos de conferencias sobre literatura, lingua, historia ou arte de Galicia. É admirable, tamén, o seu traballo na conservación do patrimonio artístico do Museo de Pontevedra, do que foi director durante moitos anos, enriquecéndoo con importantes achegas. Como alcalde da cidade, soubo conservar as antigas e valiosas edificacións da vila, preservándoa da destrución urbanística que sufriron outras durante as décadas dos anos sesenta e setenta.

Aínda que os tempos son moi distintos, a revista Encrucillada (1977) ben pode considerarse continuadora de Logos. Revista de cultura relixiosa (1931-1936), na que Filgueira tivo un importante papel como xestor, e onde, ademais das colaboracións asinadas co seu nome, está presente co pseudónimo J. Acuña nos artigos sobre mosteiros galegos e na sección de novidades bibliográficas.

Na súa faceta de investigador, desde os anos de universitario, Filgueira estivo interesado na literatura galega da Idade Media, sobre a que escribiu ducias de traballos entre artigos e libros. Traballos pioneiros que, aínda reformulados e ampliados en novas publicacións, son de lectura obrigatoria para quen se interese pola lírica medieval galega; e recomendables pola claridade de exposición para quen se inicie nese ámbito. Segue a ter plena vixencia a tese de doutoramento sobre a Cantiga CIII de Santa María, na que Filgueira fai un asombroso traballo de erudición sobre a noción do tempo e do gozo eterno na narrativa medieval. Unha obra de interese, tanto para a investigación folclórica (oral, popular) como para a escrita (culta), na que o autor manexa unha ampla documentación.

Son tamén importantes os centos de artigos sobre diferentes temas (toponimia, historia, artes plásticas, literatura popular...), publicados por Filgueira en revistas e xornais, difundindo a nosa cultura nun amplo e variado colectivo humano. Eses artigos fóronse recollendo cada ano, desde 1979, nun volume titulado Adral editado en Ediciós do Castro. Saíron nove volumes, o derradeiro é o IX Adral de 1996, o ano da morte do autor

Co dito, ó que se lle poderían engadir outros traballos e compromisos coa cultura do seu País, abonda para mostrar que Filgueira Valverde é merecente da homenaxe que esta ano recibe nas Letras Galegas.