Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Os faladoiros do IEM: “Gómez Román: arquitecto e galeguista”. Venres 17 e 24 de abril.

Os faladoiros do IEM: “Gómez Román: arquitecto e galeguista”. Venres 17 e 24 de abril.

Correo-e Imprimir PDF
900-gomez-roman1

A obra e traxectoria do arquitecto Manuel Gómez Román (1875-1964) vertebrará un ciclo de faladoiros organizado polo IEM baixo o título "Gómez Román, arquitecto e galeguista". A primeira conferencia "Manuel Gómez Román. A procura dunha arquitectura do lugar", estará a cargo do historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga, membro do Instituto de Estudos Vigueses. Será este venres 17 de abril ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar), e contará cunha presentación da arquitecta e membro do IEM, Rosa Mouriño.


O ciclo continuará o seguinte venres 24 de abril, á mesma hora e lugar, cunha intervención de Francisco Domínguez Martínez, director da Fundación Penzol. "Arredor da obra e figura de Manuel Gómez Román", será o tema deste faladoiro que contará cunha presentación a cargo do enxeñeiro industrial e membro do IEM, Xaquín de Acosta Beiras.
O ciclo pretende amosar unha ampla mirada sobre Gómez Román, quen abarcou distintos estilos arquitectónicos, destacando no modernista, ecléctico e o rexionalista inspirado na arquitectura monumental galega e a edificación tradicional. Autor entre outros proxectos e construcións emblemáticas en Vigo e comarcas, do Monumento á Mariña Universal que preside no alto de Monteferro (Panxón – Nigrán).
Pero ademais Gómez Román tivo un importante papel na vida social, política e cultural do país. Formou parte da Corporación Municipal viguesa, foi secretario xeral do Partido Galeguista, fundador en Vigo da Agrupación ao Servizo da República e candidato ás eleccións municipais de 1936 pola Fronte Popular.
No ámbito cultural tamén mostrou unha gran implicación, participando na fundación da Editorial Galaxia e como membro da Real Academia Galega.
Por todo isto, os faladoiros abranguerán tanto na súa vertente arquitectónica como na social, política e cultural.