Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Tres horas de rádio para conmemorar os 20 anos de Ponte...nas ondas

Tres horas de rádio para conmemorar os 20 anos de Ponte...nas ondas

Correo-e Imprimir PDF

Este 27 de marzo Ponte...nas ondas! conmemora os 20 anos do seu nacemento no mesmo escenario, na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, co descubrimento dunha placa conmemorativa e cun programa de radio especial, retransmitido pola Radio Galega e por esta Web en streaming,  con colaboradores e participantes na experiencia ao longo destas dúas décadas nas que o proxecto conseguiu editar varias publicacións, presentar unha candidatura ante a UNESCO e sumar múltiples premios como o ONDAS acadado en 2014 á "mellor cobertura informativa" do patrimonio inmaterial galego-portugués.

A xornada de radio que se desenvolverá este venres 27 de marzo entre as 16:00 e as 19:00 na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño terá inevitablemente momentos para a lembranza daquela primeira xornada de radio interescolar que foi o xermolo do proxecto Ponte...Nas Ondas! e que nestas datas cumpre xa vinte anos de andaina... O 29 de marzo de 1995 inaugurábase a ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monção, unha infraestrutura fundamental para a comarca e para a mellora das comunicacións co Norte de Portugal. Ao mesmo tempo, unha ducia de centros educativos de ambas marxes poñían en pé unha xornada "experimental" de radio interescolar denominada PONTE...NAS ONDAS!, realizando naquel día 12 horas de radio desde os dous estudios situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño e na emisora Ecos da Raia en Monção.

O "experimento" radiofónico establecía a necesaria comunicación entre as mozas e mozos veciños dos dous países que a fronteira física resolvía ese mesmo día coa inauguración dunha ponte que permitiría o intercambio de persoas entre Galicia e o Norte de Portugal.

Desde esa primeira edición de Ponte...nas ondas!, que así se denominou a experiencia, a Asociación Ponte...nas ondas! (asociación de profesores galegos e portugueses que tomou o nome da experiencia radiofónica) ven realizando un amplo abano de actividades, chegando a promover a primeira candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO.

A edición do disco Meniños Cantores, en 2005, contemplou a realización dun videoclip sobre a ponte máis antiga entre Galicia e Portugal con máis de 500 mozos e mozas interpretando o que xa constitúe o himno de Ponte...nas ondas!, Máis perto, un tema composto por Uxía e Segundo Grandío para o X aniversario.

En 2010 realizaron un congreso internacional baixo o nome PONTES DE CULTURA, PONTES DE FUTURO con apartados dedicados ao patrimonio, as TICs, a educación e a radio.

En maio de 2014 celebraron a 20ª edición da xornada radiofónica desde o auditorio central da Universidade de Vigo coa participación de máis de 60 centros educativos e máis de 15 estudios de radio locais e escolares. E precisamente ao final do ano pasado, o proxecto recibía un dos seus galardóns máis prestixiosos: o PREMIO ONDAS á "mellor cobertura informativa" do patrimonio cultural galego-portugués.

Más información www.pontenasondas.org