Venres, 14 Dec. 2018

Actualizado11:03:00 AM GMT

Estás en Canais Cultura E haberá cronopios no Val Miñor? - A viaxe de Julio Cortázar ao Val Miñor

E haberá cronopios no Val Miñor? - A viaxe de Julio Cortázar ao Val Miñor

Correo-e Imprimir PDF

Julio Cortázar, apoiado sobre un dos piñeiros de Monte Lourido, en Nigrán, durante a súa viaxe a Galicia a finais dos anos cincuenta. | Imaxe colección CGAI

N

o centenario do nacemento de Julio Cortázar lembramos a viaxe que o escritor arxentino e Aurora Bernárdez, a súa dona, fixeron á comarca do Val Miñor, nas Rías Baixas, a finais dos cincuenta.

En 1957 un matrimonio de turistas arxentinos que traballan en París baixa do tranvía Vigo-Baiona nun pequeno apeadoiro ao pé dun longo areal. O nome da parada coincide co que tiña daquela a praia, aínda virxe, de Lourido, e ha ficar gravado na memoria da parella. Ela, Aurora Bernárdez, de 37 anos, filla de galegos emigrados a Bos Aires e á súa vez emigrada a París, amosáballe a súa terra a el, un tradutor arxentino de ascendentes vascos. Daquelas vacacións na praia o marido deixaría constancia en varias cartas que enviaba aos seus amigos e en fotos que testemuñaban os paseos da parella polo Val Miñor. No reverso desas imaxes quedaron prendidos algúns textos breves,comentarios domésticos que 50 anos logo daquela viaxe non deberan ter máis valor que o sentimental. Foran escritos por alguén que, malia aos seus 43 anos, non conseguira aínda consolidar unha carreira literaria composta por tres ou catro libros, o máis coñecido escrito e editado dez anos atrás co título de Bestiario

Ninguén coñecía a aquel escritor futuro nas aldeas de pescadores e labregos estradas a carón da praia que formaban Nigrán. Pero ao final da súa vida, en 1984, o autor daquelas liñas na volta das fotos do seu descanso estival deixaría escritas 40 obras, e o seu apelido, unido a títulos como Rayuela, para cuxa aparición faltaban aínda seis anos –¿levaríaa xa no maxín?–, converteríase co tempo nun icono da literatura universal. O seu sonoro nome arxentino era Julio Florencio Cortázar e esta é a crónica das súas vacacións no Val Miñor hai cinco décadas.


Un ‘dous cabalos’

Cortázar coñecera Galicia un ano antes da súa chegada ao Val Miñor, en 1956, xa da man de Aurora. Gustáralle até o punto de prometerse, se algunha vez chegaba a ter un deux chevaux, “llevarla a Aurora a Galicia,instalar cuarteles de primavera en Redondela” e dedicarse “a los paseos, a la pesca, y a herborizar como  Rousseau”. Regresarían, en efecto, un ano despois, pero non por estrada, nun dous cabalos, senón sobre vías e a unha praia algo máis ao sur de Redondela, máis aló de Vigo, en Nigrán. E as iniciais dúas semanas de descanso que se regalaran para este 1957 viraran tres.O seu “cuartel” era agora un hotel nun longo areal. Cortázar,o tradutor, escribiríalle o 6 de xullo á súa amiga lingüista e ensaísta arxentina Ana María Barrenechea: “Desde el 1º de Julio estamos en Galicia, que conocimos el año pasado y que nos encantó, hemos vuelto, no en plan turístico, sino a buscar una playa tranquila donde descansar dos semanas antes de la vuelta  a París y del viaje a Buenos Aires”.

Tranquilas eran aínda estas longas dunas que xa viran fracasar, trinta anos atrás, o primeiro intento de convertelas no gran balneario de Galicia da man doutro emigrante na Arxentina que lle impuxera o sonoro nome de Praia América.

Naquel 1957, cando Cortázar e a súa muller baixaron do tranvía, o apeadoiro conservaba o nome orixinal da praia, Lourido,cunhas letras en relevo sobre a parede da marquesiña que resistirían aínda catro décadas máis. Fronte a aquela diminuta caseta levantábase o hotel no que se albergarían, o Miramar,un dos dous únicos aloxamentos existentes en toda a praia e que cincuenta anos despois continúa aberto ao pé da estrada na que se transformarían nuns poucos anos as vías do tranvía.

No Miramar foi onde deixou constancia o arxentino dos olores, as cores e as sensacións que lle causaron as paisaxes do Val Miñor: “Lourido es un sitio precioso al sur de Vigo. Se llega en tranvía, hay un hotel donde nos adoran porque desde el patrón hasta el cocinero todos han trabajado alguna vez en la Argentina (ramo:restaurantes, parrillas y bares)”. Así o confirmará cincuenta anos despois Darío, fillo e neto dos fundadores do hotel. O seu avó,emigrado na Arxentina primeiro e en Nova York despois, fixera cartos abondo para volver á súa terra e levantar unha pequena hospedaxe a carón da praia. Co tempo iría medrando en habitacións e andares, pero cando a parella formada por Julio e Aurora se aloxaba alí aínda era un modesto estabelecemento que se esforzaba en prestar todos os servizos que puidesen necesitar os escasos turistas,desde venderlles o billete para o tranvía até buscar un médico.

"LOURIDO ES UN SITIO PRECIOSO AL SUR DE VIGO. SE LLEGA EN TRANVÍA Y HAY UN HOTEL DONDE TODOS NOS ADORAN


Montelourido

A poucos metros do hotel estaba o lugar que asombraría a Cortázar e que o levaría a escribir, como se coñecese a Pondal, sobre piñeiros axitados polo vento ao bordo do mar de Galicia. Era no extremo sur da praia, sobre unha pequena península, onde un denso piñeiral atraía unha e outra veza atención do arxentino, que deixaría constancia das súas impresións nun bo número de fotografías. “Este era uno de nuestros paseos preferidos; desde lo alto del monte se veía el mar”, anota tras unha imaxe na que se lle ve camiñando cara a cámara entre os piñeiros, coas mans nos petos e en mangas de camisa, abrigado cun lixeiro chaleque. Véselle relaxado, con poucas preocupacións máis que conseguir que a súa dona tirase boas fotos: “Pinares en Lourido. El olor de los pinos era maravilloso. Yo tengo la boca abierta para avisarle a Aurora que saque la foto antes de que yo quede desenfocado”. As imaxes, c un ton case naïf, de andar por casa, sucédense: el con pucha apoiado nun piñeiro, ela sentada entre as árbores, logo deitada no medio do millo e coa fortaleza de Baiona ao fondo, cun pano na cabeza e os montes do Galiñeiro no horizonte, apoiada nun cruceiro... Pero non son paseos distraídos. A parella interésase polo que contempla, pregunta polo que ve e tira fotos dos seus achados para os amigos: “No consigo recordar cómo se llama en gallego ese tipo de hórreo. Los del hotel me dijeron que le llaman canizo, pero yo creo que el nombre es otro”, estráñase Cortázar noutra foto ante unha palabra tan miñorana.

As súas excursións, aínda que curtas, son numerosas.  Nas fotos tamén se lles ve aos dous na Ramallosa, sentados ao solpor nunha ponte “medieval” sobre o río Miñor, xunto ao peto de ánimas que hai aínda hoxe medio, do que di que “es uno de los calvarios más lindos que encontramos en nuestras excursiones”. Alí, sobre a ponte, “Aurora se broncea como una walkiria”. “Creo que la metáfora se me ocurre”, escribe, “porque el hotel está henchido de robustos y aburridos alemanes… todos los cuales leen, en versión germánica, Gone With the Wind. Y no está mal, porque el viento es el gran tema de esta región”.

O clima, nesta praia aberta ao Atlántico, marca o ritmo diario dos veciños, xa teñan que facerse á mar ou decidir o momento da semente e a colleita.

"NO CONSIGO RECORDAR CÓMO SE LLAMA EN GALLEGO ESE TIPO DE HÓRREO. ME DIJERON QUE LE LLAMAN CANIZO


Camiño guiado

 Aurora Bernárdez, dona de Cortázar, na ponte da Ramallosa | Imaxe colección CGAIAs referencias ao clima e á praia volven aparecer noutras notas: “Hasta ahora dominan los vientos y las nubes, pero yo ya he tenido la oportunidadde medirme con Poseidón. 

Resultado: arena en un ojo, y 75 pesetas de oculista. ¡Oh, el deporte!”  Nunha época na que o billete do tranvía entre Vigo e Baiona custaba menos de dúas pesetas, gastar 75 nun oculista non era ningunha chanza. E non foi o único problema sanitario ao que tiveron que facer fronte naqueles semanas. Sobre outra imaxe súa, advirte o escritor arxentino: “El pañuelo de la muñeca no es de compadre, sino por una quemadura del sol!”

Aquelas tres semanas do verán de 1957 pasaron e Julio e Aurora tiveron que tomar novamente o tranvía de regreso a Vigo e a París. Deixaron atrás o descanso,os piñeirais, o vento, a tranquilidade dun lugar que comezaba a ser tomado,silenciosa e lentamente, polos turistas e o urbanismo. Con eles levarían lembranzas,cartas, fotos, pequenos textos,todo iso que agora se garda no edificio do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña. Todo iso que non se vai expor, para desgraza do público, neste 25 cabodano do pasamento do primeiro, e talvez único, gran cronopio.

 

Era 1957. A URSS lanzaba o Sputnik, seis países creaban a Comunidade Económica Europea, Carmen Martín Gaite gañaba o Premio Nadal e un arxentino, Juan Manuel Fangio, conquistaba o Mundial de Fórmula 1. Outro arxentino, Julio Cortázar, instalado en París dende había seis anos, catro de casado, xa sabía o que era Galicia, a terra da súa dona,polos emigrantes que coñecera en Bos Aires: Luís Seoane, LorenzoVarela e Arturo Cuadrado, que editaran o seu primeiro relato; Francisco Porrúa, que sería logo o seu editor habitual; e Rafael Dieste, en cuxo “departamento” bonaerense vivira un par de anos.

  


Texto publicado orixinalmente no Suplemento Cultural do Xornal de Galicia  "Nós" Número 26, o 6 de xullo de 2009Autores do texto David Reinero e Iago Martínez, que autorizaron a republicación a vm.info con motivo do centenario do nacemento de Julio Cortázar (Bruxelas 26 de agosto de 1914 - París o 12 de febreiro de 1984).

Para ver a colección de publicacións rescatadas do suplemento Nós poden consultar a seguinte ligazón de Scribd