Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Desde Cotobad a Oya, pasando por Villanueva de Arosa, Sangenjo, Panjón y Bayona.

Desde Cotobad a Oya, pasando por Villanueva de Arosa, Sangenjo, Panjón y Bayona.

Correo-e Imprimir PDF
Imaxe do momento da presentación en Panxón

Cotobad, Villanueva de Arosa, Bayona, Puenteareas, Puente Caldelas, Sangenjo, Oya, Panjón... E así, unha longa lista de toponimía deturpada. Eran os nomes que figuraban nun mapa que un alto cargo do Ministerio de Agricultura utilizou hai uns días nun acto en Panxón.

Foi nunha rolda de prensa para dar a coñecer o proxecto de obras que se levarán a cabo no litoral galego así como as obras realizadas no paseo de Panxón, onde a actuación supuso un custe total de 600.000€, importe duramente criticado polo PSOE dado que os enxeñeiros de costas calificaron a actuación como algo "provisional".

Ata alí desprazouse o Director Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Pablo Saavedra, cargo do Ministerio de Agricultura con ese mapa debaixo do brazo que causou a sorpresa dos asistentes, entre eles os compañeiros da Voz de Galicia que así o publicaban o pasado 16 de xuño. Por iso, ProLingua decidiu enviar unha carta de protesta a Pablo Saavedra, e a Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística. "É inaceptable que se presente unha cartografía coa toponimia deturpada e que se alegue que se trata dun mapa antigo, que lonxe de ser unha escusa é unha mostra máis da falta de respecto das institucións do estado a Galicia, pois non é a primeira vez que un ministerio violenta sen escrúpulo ningún a toponimia galega", denuncia esta entidade.

A imaxe do acto

Para máis sonra do suceso, a fotografía realizada polo gabinete de prensa do Concello sitúa ao alcalde de Nigrán e a concelleira de cultura debaixo dun sinal cheo de erros léxicos onde se pode ler "Prohibido patines / biciletas de xuño a septembro" cando o correcto en galego sería "Prohibido patíns / bicicletas de xuño a setembro". 

A carta de ProLingua

D. Pablo Saavedra Inaraja
Ministerio de Agricultura
Praza San Juan de la Cruz s/n
28071 Madrid
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo

O pasado 18 de xuño tivo lugar en Panxón unha rolda de prensa para dar a coñecer o proxecto de obras que se levarán a cabo no litoral galego. Ata alí desprazouse vostede como Director Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, cargo do Ministerio de Agricultura. Ante os alí presentes despregou un mapa onde toda a toponimia galega aparecía deturpada, como se pode ler na nova asinada por Mónica López Torres no xornal La Voz de Galicia.

Ante a estupefacción dos alí presentes, vostedes alegaron que se trataba dun mapa antigo, que lonxe de ser unha escusa é unha mostra máis da falta de respecto das institucións do estado a Galicia, pois non é a primeira vez que un ministerio violenta sen escrúpulo ningún a toponimia galega. Formas como Cotobad, Villanueva de Arosa, Bayona, Puenteareas, Puente Caldelas, Sangenjo, Oya, Panjón... eran as impresas nese mapa que, de ser antigo, debía corresponder a unha época onde non estaba oficializada esa toponimia. As falsas traducións e deformacións aberrantes son propias do franquismo e de etapas anteriores.

Hai 26 anos xa que no Congreso dos Deputados se aprobou a lei 2/1988 de 3 de marzo (BOE de 4 de marzo) que legalizou o cambio de denominación de dúas provincias galegas, Ourense e A Coruña; e previamente a Lei de Normalización Lingüística de Galicia, por unanimidade aprobada no noso Parlamento o 15 de xuño de 1983,  estipulaba no artigo 10.1 que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Non nos vale pois a falsa desculpa de ser un mapa antigo, pois hai unha legalidade que debe ser cumprida e hoxe temos restaurada e oficializada a nosa toponimia.

Dende ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do idioma galego, queremos que se cumpra a legalidade lingüística para evitar caer en esperpentos públicos coma o do mércores. En Galicia os nosos lugares teñen un nome, un só, e é en galego, polo que pedimos que o respecten e que cumpran a legalidade vixente.

Fotografía: Mónica López/ La Voz de Galicia

ProLingua, 20 de xuño do 2014

Coa Colaboración de Galicia Confidencial