Sábado, 29 Feb. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura 16 razóns para escoitar “Arruídos”, o primeiro CD do Coro Tradicional Cantares do Brión.

16 razóns para escoitar “Arruídos”, o primeiro CD do Coro Tradicional Cantares do Brión.

Correo-e Imprimir PDF
arruidos
cantares-do-brion-letras-ga
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

A edición e a produción son do propio coro Cantares do Brión. Eles encargáronse da gravación, fixeron o seguimento da edición musical, traballaron no deseño e decidiron a localización para as fotos do libro que acompaña o disco.  Por último tamén encargaron a fabricación. Para a gravación contouse con Panta Sónica, un estudio de Vigo, que se desprazou a Vincios e onde nos seus estudos traballouse a edición. A promoción e distribución son de Inquedanzas Sonoras. Grazas a esta autoprodución, pódese gozar de Arruídos, o álbum CD que recolle 16 temas que afondan no mellor da tradición coral do país así como de novas creacións xurdidas na breve pero intensa vida desta agrupación nada a finais de 2008.

No libro que acompaña o CD atópanse presentacións de dous músicos de luxo: Mª Xosé Silvar "Sés" e Antonio Raposo Vidal, corista en Cántigas da Terra e gaiteiro no grupo Os Melidaos. O libreto de Arruídos está deseñado por David Rodríguez, con fotografías de Eduardo Irago. Para a concreción da produción contouse coa colaboración da Concellería de Cultura de Gondomar e tamén da Comunidade de Montes de Vincios, esta última no seu capítulo de defensa e protección da Serra do Galiñeiro.

Por que Arruídos?

 No Monte dos Arruídos, da Serra do Galiñeiro, está situada a Touba do Brión. Da lenda que se localiza neste lugar toma o nome o coro Cantares do Brión. “Hai máis cousas sobre o nome, pero iso queda para ser falado nas presentacións que fagamos”, sinalan dende o coro.

Presentación oficial do disco

A presentación central do disco será na Alameda de Gondomar o día 1 de agosto.

16 razóns para escoitar Arruídos.

1. EU NON SEI O QUE ME DECHES

Foliada. (Do repertorio de Toxos e Froles, Ferrol.)

Esta peza abre o disco como homenaxe ao Real Coro Toxos e Froles, decano dos coros históricos, que cumpre os cen anos en 2015.

2. PANDEIRADA DE SÁRDOMA

Tradicional da parroquia de Sárdoma, Vigo. (Versión inspirada na que fixeran Anamoura no seu traballo A Chave do Cerne.)

3. TRÍADAS DO VENTO NO MAR

Letra: Sementeira do Vento, Valentín Paz-Andrade

Música: Luís Correa Piñeiro

Arranxos para coro: Pablo Rial Salgueiro

Creada con motivo de dedicárselle a Valentín Paz-Andrade o Día das Letras Galegas 2012.

4. CAMIÑO DE OURENSE

Alalá

Letra: Manolo Pipas

Música: Luís Correa Piñeiro

Esta peza figura no primeiro disco de Os Carunchos, ¡Ala, que vai! (1998)

5. NA TOUBA DO BRIÓN

Coplas recollidas a Rosalía Hermida Pérez, natural de Xián, Vincios.

Música: Luís Correa Piñeiro

A Touba do Brión sitúase no monte dos Arruídos, na Serra do Galiñeiro. Dunha lenda localizada nese lugar toma o seu nome o Coro Tradicional Cantares do Brión.

6. HAS DE CANTAR...

Letra: Cantares gallegos, Rosalía de Castro

Música: Pablo Rial Salgueiro

Composta en 2013, ao se cumpriren os 150 anos da publicación de Cantares gallegos. Por decisión do autor da música e do propio coro, a partitura é de libre disposición.

7. PASODOBRE DE SÍSAMO

Tradicional de Sísamo, parroquia de Carballo de Bergantiños.

Arranxos para coro de Félix Rodríguez, subdirector de Cantares do Brión entre os anos 2011 e 2013.

8. O CARRO

Letra: Manuel María

Música: Baldomero Iglesias “Mero”.  /  Arranxos para coro: Paco Barreiro

9. CANTO POPULAR

(Do Cancioneiro Galego de Martínez Torner e Bal y Gay)

Arranxos para coro: Pablo Rial Salgueiro

10. FOLIADA DE CERDEDO

Tradicional. (Do repertorio de Cántigas da Terra, A Coruña)

11. ALALÁ Nº 3

(Do repertorio de Aires d´a Terra, agrupación nacida en Pontevedra a finais do século XIX da man de Perfecto Feijoo. É considerado como o primeiro coro galego.)

12. FOLIADA DE VIVEIRO

Tradicional. (Do repertorio da Coral De Ruada, Ourense)

13. PANDEIRETADA DE RENDAL

Letra: Popular.

Música: Bernardo del Río

(Do repertorio de Cantigas e Agarimos, Santiago de Compostela.)

14. FOLIADA DE VINCIOS

Letra e música: Luís Correa Piñeiro

Na parroquia miñorana de Vincios, no seu Centro Cultural, ten a sede social o Coro Tradicional Cantares do Brión.      

15. CASTO SAMPEDRO

Letra e música do Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro e Folgar

Arranxos para coro: Pablo Rial Salgueiro

Estas tres pezas encadeadas preparáronse en homenaxe a Casto Sampedro, en 2012, ao se cumpriren os 75 anos do seu falecemento.

OS PINOS. Himno galego

Letra: Eduardo Pondal

Música: Pascual Veiga

Estreado na Habana o 20 de decembro de 1907. A letra é a establecida na Lei de Símbolos de Galicia (1984)