Xoves, 18 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Mendez Ferrín presentará en Gondomar a obra “Ceibes no monte. Patrimonio vivo na terra de Turonio”.

Mendez Ferrín presentará en Gondomar a obra “Ceibes no monte. Patrimonio vivo na terra de Turonio”.

Correo-e Imprimir PDF

A obra recolle tres vídeos dos curros que se celebran no concello: o de Morgadáns, o de San Cibrán ( Donas ) e o do Galiñeiro ( Vincios ). (Foto: ©IEM)

Este venres 13 ás 21 horas, Xosé Luís Méndez Ferrín e Saluistiano Mato presentarán o traballo de Ceibes no monte. Patrimonio vivo na terra de Turonio,  na libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13).  A obra está composta por un conto, un libro e máis un DVD onde se recollen os froitos dun traballo que dende 2003 se desenvolve nas aulas do IES Terra de Turonio cara aos garranos que habitan as serras do Val Miñor. Entre outros fornecen a obra, Santi Veloso, Alfredo López (Tokio), Andrés Meixide,  Eva Moreda, Gonzalo Moure e Méndez Ferrín.

O proxecto “Ceibes no monte”

Desde o ano 2003 nas aulas do Instituto veñen desenvolvéndose diversas actividades relacionadas co mundo dos cabalos, acollendo unha realidade presente nas familias do alumnado e no entorno do centro. No ano 2008 preséntase o proxecto “Ceibes no monte” ao proxecto didáctico Antón Fraguas que convoca o Museo do Pobo Galego, obtendo o primeiro premio. Este recoñecemento levou implícito a realización dunha exposición sobre os contidos do proxecto que abranguía os seguintes ámbitos: o medio natural, o monte comunal, o cabalo galego de monte, os curros e o cabalo nas artes.

A exposición foi inaugurada no Museo do Pobo Galego en setembro de 2009 e desde entón foi itinerando por diferentes espazos e concellos. A última exhibición foi na pasada Semana Verde de Silleda.

ceibes obra 150x134Un libro, un conto e mais un DVD

A publicación que agora se presenta recolle diversos materiais que se foron traballando no centro educativo e que contou coa colaboración de escritores, entidades, asociacións de gandeiros e comunidades de montes.

O libro contén artigos especialmente elaborados para a publicación, desde un texto asinado polo reitor da Universidade de Vigo, unha visión dun veterinario ou a entrevista a un membro dunha comunidade de montes. Ademais, unha ampla ilustración fotográfica complétase con debuxos realizados polo alumnado do centro ao longo das 104 páxinas.

Bestiña é o título do conto ilustrado por Andrés Meixide con texto de Santi Veloso e Alfredo López (Tokio). O conto narra a historia dun cabalo ceibe de monte desde o seu nacemento e o seu posterior desenvolvemento ceibe nos montes.

O DVD que acompaña ao libro contén o documental Ceibes no monte realizado pola produtora audiovisual Casa de Tolos de Gondomar e tres vídeos dos curros que se celebran no concello: o de Morgadáns, o de San Cibrán ( Donas ) e o do Galiñeiro ( Vincios ).

Ademais, o DVD contén unha entrevista realizada á escritora Eva Moreda ( autora do libro O país das bestas ) e ao escritor Gonzalo Moure ( Eu son un cabalo, Os cabalos do meu tío, Tuva ) nas instalacións de Radio Turonio. Tamén se recolle a participación do escritor X.L.Méndez Ferrín recitando o poema “Cabalos” do seu libro Estirpe.