Ignorancia ou vandalismo?

Imprimir
9405 265160506960168 782471255 n
1006190 265160503626835 616638429 n
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Con máis frecuencia da desexada atopámonos con agresións ao noso patrimonio cultural xa sexa arqueolóxico, etnográfico ou monumental. Tamén se dá o caso co patrimonio común do mobiliario urbano e o privado que podemos ver ao pasear por calquera das rúas e parques da nosa contorna, e o patrimonio natural leva a cotío agresións que resulta difícil entender nun mundo que chamamos civilizado.

Mentres todo isto sucede vemos como se gasta moito diñeiro de fondos públicos na reparación destes danos e na reposición dos bens afectados, sen que se acaden resultados satisfactorios e, o que é peor, sen que se mellore o seu estado ou se neutralicen as agresións. Parece como se a nosa sociedade entendese que é normal que se estrague o público, porque é de todos, e alguén se encargue de repoñelo porque é a súa obriga. E se imos paseando e vemos algo deteriorado ou roto, o primeiro comentario que a moita xente lle vén á cabeza non é contra o vándalo que fixo a desfeita, senón contra o concello ou institución que ten a obriga de mantela.
Así é a nosa sociedade, malia que nos pese e tentemos agochar as nosas debilidades e fraquezas con desculpas e desviacións cara ao outro. A culpa sempre é do outro. Dun ente superior que está por riba e que ten que apandar con todo o que nós, o conxunto da sociedade, facemos mal.
Vén esta pequena reflexión introdutoria para falar das agresións ao noso patrimonio arqueolóxico máis próximo. Neste caso concreto a un dos patrimonios máis desprotexidos, os petróglifos.
Temos a sorte no Val Miñor de ter unha gran concentración de petróglifos nos nosos montes. Non só temos moitos, senón que tamén son dos mellores de Europa e de moita importancia científica pola súa variedade e conservación. Achegan datos para a comprensión da nosa historia e a nosa orixe e son unha das pezas fundamentais do noso patrimonio material máis antigo.
A pesar do grande avance que se deu nos últimos tempos na escolarización, na divulgación da nosa cultura e na educación en xeral, atopámonos con que aínda hoxe hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte exposta ás inclemencias do tempo, que por iso mesmo, ao non estar recollida nun museo, debe ser coidada con esmero e protexida por todos nós, os visitantes, veciños e propietarios dos terreos nos que se atope. É de todos, é o noso patrimonio cultural e foinos legado polos nosos devanceiros que os puxeron aí hai milleiros de anos, non sabemos exactamente con que fin, pero seguramente con moito máis respecto que o que hoxe lle estamos dando en moitos casos. Se non fose así, non terían chegado ata nós pasado tanto tempo. Estase a dar o paradoxo de que petróglifos gravados hai catro mil anos nunha rocha nos nosos montes, chegaron ata nós en perfecto estado e unha vez descubertos e posto en coñecemento de todos a súa localización, son destruídos ou deteriorados con impunidade por calquera que pasa e que, como diciamos ao principio, coida que o que é de todos pode ser manipulado de calquera xeito, e danado sen o mínimo pudor.
Onte puidemos comprobar como, unha vez máis, o espectacular petróglifo de armas de Agua da Laxe, en Vincios, era riscado co que parece xiz de cor branca e azul. A superficie dos gravados foi perfilada con xiz para que se vise mellor ou para fotografala. Non sabemos con que fin exacto, mais o que si sabemos é que non é a primeira vez e este episodio tense repetido varias veces nos últimos anos.
É probable que o autor ou autores deste suceso descoñecesen que o petróglifo non se debe tocar e moito menos gravar por riba del. Ao facelo estamos afectando o risco orixinal e, sen querelo, modificando a súa propia aparencia e a propia base na que está gravado, é dicir a pedra de granito groso. Algo tan elemental suponse que é sabido pola xente e que non fai falla repetilo, mais a realidade estanos a demostrar teimudamente que non é así. Os autores non se pararon a pensar que se cada visitante que se achega ata Agua da Laxe a ver os petróglifos e para observalos mellor se pon a riscalos, en pouco tempo o que verían os últimos en achegarse sería algo moi distinto ao que gravaron hai 2500 anos os seus autores primitivos. Tampouco tomaron conciencia de que é unha obra de arte singular que ninguén debería manipular, como non se lle ocorre a ninguén ir ao Museo Marco de Vigo ou ao Prado en Madrid a pintarlle por riba a calquera obra das que se expoñen en ditos museos. Se alguén coida que estamos a esaxerar podemos pórlle un exemplo que os nenos máis cativos entenden perfectamente cando se lles explica. Na catedral de Santiago por riba do santo dos croques, a xente apoiaba a súa man mentres batía coa testa contra a do santo mentres pedía algún favor ou encomenda. Calquera que se achegue a Santiago pode ver por que o Cabildo da catedral prohibiu expresamente tocarlle ao santo e apoiar as mans nas columnas. O desgaste da pedra é tan notorio que, de seguir así, en pouco tempo non habería columna. Outro exemplo máis próximo podemos telo no chanzo das casas dos nosos avós, nas escaleiras das nosas solainas onde en moitas delas se ve como o paso dos anos e das chancas que antes se usaban, as máis das veces ferradas para evitar o desgaste das solas, foi desgastando e acuncando o vello granito patrucial.
Podemos crer que foi a ignorancia a que levou os visitantes ao fermoso panel de armas de Agua da Laxe, a que fixo que nun acto irreflexivo riscasen con xiz a pedra. Non por iso quedan eximidos da responsabilidade do mal feito. Se, pola contra, o que os levou a riscar a pedra foi un acto de egoísmo – podemos pensar niso ao ver dous tipo de xiz nos gravados e no propio feito de levar xiz cando se van ver os gravados- estamos ante un acto que podemos cualificar de vandálico, fose quen fose o que o fixo. Aí non caben eximentes nin desculpas.
Estamos xa ben andado o século XXI e en todo o Val Miñor podemos presumir de ter ademais dun bo clima e fermosas praias, dúas serras espectaculares que están cheas de retallos de historia e dunha natureza moi fermosa. Temos institutos, escolas e mestres e case poderíamos dicir que, cremos que en todos, os nenos saben o que é un petróglifo, grazas ao labor dos seus mestres e profesores. Tamén en tódolos concellos o saben, e o IEM ven dende hai 12 anos facendo, chegado este tempo de verán, visitas guiadas, de noite e de día, para que tódolos veciños e visitantes poidan apreciar as nosas xoias arqueolóxicas entendendo mellor os porqués da súa orixe e a súa importancia. É un labor de todos axudar a que o noso patrimonio se valore e se respecte, e tamén cremos que podemos presumir del e do privilexio de gozar del todo o ano. Coidémolo entre todos, fachendeemos del e ensinémosllo aos que nos visitan, pero ante todo fagamos pedagoxía e divulguemos a necesidade de respectalo e, se alguén aínda non sabe como e cando hai que velos, fagamos de mestres e expliquemos que mellor ao caer a tarde cando o sol está baixo e non incida directamente neles, ou pola mañá cedo, e mellor pola noite ou ao escurecer, cunha lanterna ou un foco para pórlle luz rasante e poder admiralos en todo o seu esplendor. E se non, tamén poden chamar ao IEM onde sempre atoparán alguén disposto a orientalos. Pero por favor, a estas altura de século, nin ignorantes nin vándalos. Hoxe non sabe quen non quere, e é vándalo aquel que non respecta, polo tanto non merece respecto. Agardemos que non se repita o incidente.

Artigo recollido da web do Instituto de Estudos Miñoranos.