A mostra “Ceibes no Monte” do IES Terra de Turonio chega á 36ª Semana Verde de Silleda.

Imprimir
cabalos-ceibes-ies-turonio

-O traballo realizado polo IES Terra de Turonio en colaboración coas asociacións de gandeiros do Val Miñor, as comunidades de montes e o Concello de Gondomar poderá verse no marco da Feira Internacional Semana Verde de Silleda do 13 ao 16 de xuño de 2013.

A exposición estará no pavillón 4, dedicado ás razas autóctonas na parte asignada ao cabalo de pura raza galega ( PURAGA ). Neste pavillón se amosará ademais un abano das razas autóctonas de Galicia como o porco celta, a galiña de Mos, a ovella galega, a cabra galega, o can de palleiro, os bovinos de razas cachena, frieiresa, limiá, caldelá, vianesa, etc.

Ademais haberá varias exhibicións da “rapa das bestas" durante o sábado e o domingo con gandeiros de diferentes zonas de Galicia: curros da Escusa ou San Ramón de Poio (Pontevedra), a rapa de Carreira de Zas ( A Coruña ) e a rapa de Campodoso de Mondoñedo (Lugo ). Tamén se realizará un concurso morfolóxico de cabalos de Pura Raza Galega.

A organización espera que pasen polo pavillón máis de 100.000 persoas que terán a ocasión de contemplar a exposición Ceibes no monte.

Ceibes no Monte

Ceibes no Monte é un proxecto educativo realizado no IES Terra de Turonio que pretende poñer en valor o patrimonio cultural do entorno do centro. Este proxecto foi premiado polo Museo do Pobo Galego no ano 2008 e desde o ano 2009 materializouse nunha exposición que contemplou ademais a realización dun documental co mesmo nome. Esta exposición aborda variadas temáticas como o medio natural, o monte comunal, o cabalo de pura raza galega, os curros e os cabalos na arte.

Durante estes anos ten sido exhibida en varios concellos e centros educativos.