Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Baiona será a sede do II Encontro de Coros Tradicionais "Cantares no Miñor".

Baiona será a sede do II Encontro de Coros Tradicionais "Cantares no Miñor".

Correo-e Imprimir PDF
cartel cantares_minor_2013_

-Cantares do Brión confirmou nesta xornada a celebración do II Encontro de Coros Tradicionais "Cantares no Miñor".

-Sábado, 26 de xaneiro, ás 20,00 horas, en Baiona, no Auditorio Municipal V Centenario.

- A Coral de Ruada (Ourense) intervirá como invitada desta segunda edición do Cantares no Miñor. A presentación estará a cargo de Leo de Matamá.

Logo do éxito do I Encontro celebrado o ano pasado no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, o Coro Tradicional Cantares do Brión prepara a súa segunda edición, esta vez no Auditorio Municipal V Centenario da vila de Baiona. Se no I Encontro acudiu ao Val Miñor o coro Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, nesta ocasión será a tamén histórica agrupación Coral De Ruada quen nos visite. En 2011 foi Cántigas da Terra, da Coruña, quen estivo na presentación oficial de Cantares do Brión, en Vincios, realizando o apadriñamento desta formación.

O repertorio de cada coro é, fundamentalmente, de orixe popular, a base de foliadas, alalás, pandeiradas, maneos aínda que tamén se anuncia que haberá pezas de nova creación, sempre con base na música tradicional de Galicia.

A organización do evento corre a cargo de Cantares do Brión, e conta coa colaboración da Concellería de Cultura de Baiona.

A entrada é de balde, até completar aforo.

Coral de Ruada

A Coral de Ruada foi fundada no ano 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado "Lameiro", Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire. Presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919 e en Madrid en 1920.

O seu primeiro director foi o mestre Daniel González, con quen visitou América do Sur en 1931 e, con outras agrupacións galegas, representou a Galicia na Feira Internacional de Chicago en 1934.

Este coro ten actuado na práctica totalidade dos pobos, vilas e cidades de Galicia, nas máis importantes cidades da península Ibérica, en Francia -onde participou nos festivais de Lorient e Quimper- e viaxou en tres ocasións a América, actuando en Arxentina, Brasil, Uruguai, EE.UU. e Venezuela.

Desde a súa fundación, ten realizado numerosas gravacións de discos en distintas casas discográficas; a última, "Sempre De Ruada", realizouse en 2005. En decembro de 2006 presentouse o CD "Coro De Ruada: escena coral galega" coa recuperación das primeiras cantigas gravadas nos anos 1929 e 1950. Ademais, dende 1926, ten participado en diversos filmes e vídeos.

 

Dim lights Embed Embed this video on your site

 

Na súa andaina, Coral de Ruada recibiu moitos galardóns e distincións, destacando entre elas a garabata da bandeira doada pola S.M. D. Alfonso XIII; a Placa de Ouro do Centro Galego de Buenos Aires (1931); Bandeira do Concello de Ourense (1954); Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984); Pedrón de Ouro (1990); Medalla de Galicia (1992); Medalla de Ouro do Liceo Recreo Ourensán (1994); Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994); premio "Manuel Lorenzo", na súa primeira edición, do Real Coro Toxos e Froles do Ferrol (2002); Medalla de Ouro "Gaiteiro de Soutelo" (2007); Premio IAR (2008); Medalla de Ouro "Marcial del Adalid" da Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario" (2009).

Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e polifonía galega e Dende o ano 2002 preside a Xunta de Goberno da coral Eladio Quevedo Almoína.

Compoñen o gurpo actualmente, 44 voces mixtas e 7 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.

Coro Tradicional Cantares do Brión.

O Coro Tradicional Cantares do Brión, do Centro Cultural de Vincios (Gondomar) constituíuse formalmente en marzo de 2010. Recoñécese continuador dos coros tradicionais que a finais do século XIX e comezos do XX resultaron fundamentais para o rexurdimento da cultura galega.

 

Dim lights Embed Embed this video on your site

 

Entre os seus propósitos principais está a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional, asumindo aquelas palabras que Valentín Paz Andrade colocou no seu libro Galicia como tarefa: "Témo-la obriga de manter a tradición cultural recibida, anovándoa e actualizándoa; de engrosar o seu caudal coas nosas voces, coa parcela de verdade por nós conquistada, co recendo do noso tempo... para transmitilo todo aos nosos fillos."

Baixo a dirección de Pablo Rial Salgueiro e presidido por Xosé Manuel García Crego, o Coro Tradicional Cantares do Brión está integrado na actualidade por 65 persoas, a maioría delas do Val Miñor, fundamentalmente da parroquia de Vincios, pero tamén doutras comarcas como O Condado, Baixo Miño, Pontevedra ou Vigo.

No seu repertorio de pezas tradicionais e de autor destacan as pandeiradas, foliadas, maneos, muiñeiras e alalás.

Algunhas das actuacións máis recentes e destacadas foron: Acto de clausura do Congreso Valentín Paz Andrade (Pazo de Congresos, Pontevedra, decembro 2012), XIII Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas (Auditorio Mar de Vigo, outubro 2012), VI Certame Internacional de Coros De Ruada (Teatro Principal, Ourense, xuño 2012), XXII Homenaxe ao Gaiteiro (Centro Cultural Novacaixagalicia, novembro 2010).