O Auditorio Muncipal Lois Tobío acolleu a presentación do libro "retallos de GONDOMAR DO MIÑOR".

Imprimir
gondo-do-minor

 Oito localidades en Portugal e tres en Galicia levan por nome Gondomar. A vila e o concello miñorano que leva este topónimo derivado da antiga forma xermánica "Gundemari", ten unha historia, un patrimonio cultural, así como unha paisaxe xeográfica e humana que a fan única agás esta similitude toponímica. Un botón como mostra: "Gondomar amósasenos, amablemente, a xeito dun gran teatro cuxa parte máis elevada se chama, como era de esperar, Galiñeiro", sinala o mestre Miguel A. Mouriño no inicio duns dos limiares do libro retallos de GONDOMAR DO MIÑOR,  presentado o pasado sábado 15 de decembro de 2012, no Auditorio Municipal Lois Tobío.

retallos de GONDOMAR DO MIÑOR é unha obra colectiva de sesenta veciñas e veciños do concello de Gondomar que coordinados polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso intenta amosar a través de textos e fotografías boa parte das complexas e diversas identidades xurdidas desta interacción entre natureza e cultura que dan esa faciana particular a estas terras enclavadas no corazón do val do río Miñor. Unha obra concibida como carta de presentación e agasallo oficial do Concello en instancias de protocolo.

 Reportaxe fotográfica (Bruno Centelles)

Dim lights Embed Embed this video on your site

O libro constitúese con 54 fotografías aportadas por Juan Chamorro, Antonio Soliño Troncoso, Teresa Pérez Acosta, Santiago Vega, o estudo 1 Punto 1 Fotografía, Xoán Colazo Pazó, Xilberte Manso de la Torre e Enrique Touriño Marcen, todas elas acompañadas por outros tantos textos que de xeito libre falan destas paisaxes humanas e naturais que conviven neste GONDOMAR DO MIÑOR.

Unha pantalla xigante amosou algunhas destas imaxes durante a presentación do libro, acompañadas pola música en directo do pianista Alberto Conde, e a lectura dos textos que as acompañan na publicación, da voz dos seus propios autores. O que permitiu que esta primeira vista pública do libro constituírase nunha fermosa velada agasallo para as máis de cen persoas que traballaron neste proxecto.

A presentación contou, ademais da presenza dos veciños do municipio, coa do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Chema Figueroa e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, así como de varios concelleiros  de Gondomar.

Intervencións durante a presentación

Dim lights Embed Embed this video on your site

O acto abriuse cunhas breves palabras de Carlos Méixome, quen salientou que "a nosa teima de xuntar imaxe e palabra ven de hai bastante tempo", en alusión aos libros de memoria baseados en fotografías antigas que se ten publicados ao longo destes trece anos de vida do IEM, mixturados con textos de creación literaria. Nembargante, afirmou que nesta ocasión deuse unha volta aquela idea primixenia e "deixamos de lado o sepia, o branco e negro en enchemos de cores estes retallos de GONDOMAR DO MIÑOR", con fotografías contemporáneas e actuais que reflicten o patrimonio cultural, a vida cotiá e industrial do municipio. Finalmente agradeceu o apoio recibido polo Concello de Gondomar nestes anos de vida do IEM, e especialmente ao alcalde Fernando Guitián e ao concelleiro de Cultura Ignacio Troncoso, pola súa aposta tanto no xermolar do proxecto, así como no seu desenvolvemento e a propia realización do acto de presentación.

Deseguido, Antonio Soliño Troncoso, coordinador do traballo, describiu as características deste proxecto no que dialogan "a xeito de contrapunto" fotografía e textos baixo a idea:"a fotografía había de ser unha desculpa para escribir, non necesariamente unha imaxe que describir".  Ademais, cada imaxe estaría acompañada duns pés de foto que na súa sumatoria "o lector habería de formarse unha idea máis o menos precisa da vila e municipio que o libro pretende retratar". Sinalou que completan o libro tres artigos que o contextualizan : "Da orixe do nome", de Gonzalo Navaza, "Do Patrimonio Material e Histórico", da súa autoría, e "Da paisaxe xeográfica e humana", de Miguel Anxo Mouriño.

Finalmente, o alcalde Fernando Guitián, no peche do acto, destacou o carácter colectivo da obra ademais do carácter desinteresado co que os veciños e profesionais que a levaron adiante o fixeron. Agradeceu a tódolos veciños de Gondomar por facer posible o libro, especialmente a aqueles que participaron directamente, pasando finalmente a nomearlles un a un.