O “12 do 12 ás 12” recitado simultáneo dos versos de Celso Emilio no IES Escolas Proval.

Imprimir
A tabarena_dogalo

Os versos de Deitado fronte ao mar (Longa noite de Pedra) de Celso Emilio Ferreiro poderanse escoitar este mércores por toda Galicia. A proposta "Recitando a Celso Emilio, o 12 do 12 ás 12" lanzada pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística quere deste xeito homenaxear ao escritor cunha lectura simultánea deste poema nas aulas dos centros de ensino. No Val Miñor, o ENDL Chafarís (Escolas Proval), informa que está a preparar o recitado simultáneo con grupos de lectores dos distintos graos, que espallados por todo o instituto alzarán os versos do autor celanovés este mércores 12 de decembro ás 12 h.

 

Nun escrito, o ENDL Chafarís explica que o obxectivo central desta actividade "é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos", no ano do centenario do seu nacemento, que tamén coinciden co 50 aniversario da publicación da emblemática obra Longa Noite de Pedra(1962)

Por outro lado, o equipo informa que esta será unha forma de manifestar " dun modo lúdico" o seu compromiso cívico cara á lingua galega, "porque si, porque nos peta".