A Concellaría de Cultura de Gondomar dá coñecer a programación do Lois Tobío até fin de ano.

Imprimir
Actuacion-Retrucos-Gondomar

-Danza, música, teatro infantil e para adultos, monólogos, clown e maxia no Lois Tobío ata finais de ano

-A Concellería de Cultura deseñou para o auditorio Lois Tobío unha programación variada e de calidade que volve situar a Gondomar como referente para os amantes das artes escénicas do sur de Pontevedra

-Cándido Pazó, Josito Porto, Teatro do Morcego, Mamá Cabra e Fantoches Baj son algunhas das propostas que o a auditorio acollerá ata finais de ano

Máis dunha vintena de espectáculos de maxia, teatro, música, clown e monicreques compoñen a programación cultural que a Concellería de Cultura do Concello de Gondomar deseñou para o último cuatrimestre de 2012 para o Auditorio Lois Tobío. Unha programación heteroxénea e variada, que dá cabida a todos os públicos, coa que Gondomar volve convertese en referente para os amantes das artes escénicas do sur da provincia.

O monologuista Candido Pazó, a compañía Teatro do Morcego e o seu espectáculo 'A función do tequila', o grupo de música infantil Mamá Cabra ou a compañía Fantoches Baj coa peza de monicreques 'Fábulas galénicas' son algunhas das propostas que se subirán ás táboas do auditorio ata final de ano. En total, representaranse sete obras de teatro a cargo de compañías destacadas dentro da escena galega, tres espectáculos de clown, catro concertos musicais, dous monólogos, tres espectáculos de maxia e dúas propostas de monicreques para cativos.

Despois de que o pasado domingo 9 de setembro arrancase esta nova programación co espectáculo de baile arxentino 'Retruco', a seguinte actuación programada terá ao teatro como protagonista. Será o 5 de outubro. A compañía Teatro do Morcego, en coprodución co Teatro Circo de Braga, levará á escena a obra 'A función do tequila', de Manuel Guede, interpretada polos actores Manuel Manquiña, Santiago Fernández, Luísa Merelas e Elena Luaces. A obra, gañadora do Premio Rafael Dieste 2011, narra a historia de María Docampo, a secretaria de Castelao en Nova York, en 1938, quen resultará ser unha axente secreta.

No apartado teatral destaca ademais a actuación o 20 de outubro da compañía Malasombra, que interpretará 'Non é tan facil', unha comedia delirante escrita polo popular actor, autor e director Paco Mir (El Tricicle). Dirixida en galego por Marcos Orsi, 'Non é tan fácil' conta o difícil que pode ser romper unha relación de parella.

Cómpre salientar tamén a representación o 4 de novembro de 'Curriculum vitae' da compañía Redrum Producciones. A obra, da coautora gondomarense Araceli Gonda, será interpretada por Mónica García e Guillermo Carbajo, actores coñecidos polos seus traballos televisivos, sobre todo polos papeis en 'Pratos Combinados'.

As funcións de monólogos terán como protagonistas a dous dos actores que se teñen convertido en imprescindíbeis do xénero en Galicia, Josito Porto e Cándido Pazó. O primeiro deles actuará no auditorio o 3 de novembro. O actor de 'Hospital Central', 'Libro de familia', 'El comisario' ou 'Matalobos', interpretará 'Laretadas'.

Pola súa banda, Candido Pazó, que actuará o 17 de novembro, levará ao auditorio 75 minutos de diversión áceda, de comunicación directa e explosiva co público, de diálogo metafórico e satírico coa actualidade.

Para o público infantil

Dentro da nova programación, o público infantil ocupa un lugar especial. Durante os próximos meses, terán lugar no auditorio espectáculos de maxia, monicreques e música destinados ao pequenos da casa. Entre as propostas destaca a actuación de Fantoches Baj que interpretará 'Fábula galénica', unha homenaxe as narracións orais na que salientan as doses de humor, diversión e a mensaxe ecoloxista. O texto deste espectáculo recibiu o VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.

Para o público infantil tamén, e pechando o ano, o grupo Mamá Cabra levará a Gondomar a súa proposta na que se mestura poesía, folclore e pezas propias, sempre cun enfoque lúdico, participativo e didáctico. Será o 30 de decembro. O espectáculo titúlase 'Cantos pequenos' e nel a banda ofrece un repaso sonoro polos 11 anos que levan polos escenarios.

Lonas informativas

O Concello de Gondomar colocou ademais unha gran lona na fachada da Casa Consistorioal, na praza do Concello, con toda a programación para maior comodidade dos veciños, que poderán informarse das actuacións que se vaian celebrando no auditorio.