Distancias e Simetrías, de Mª Concepción Álvarez Lebredo, gaña o V Certame de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns.

Imprimir
2m c_alvarez_lebredo

 

O xurado do V Premio de Poesía Victoriano - Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías, do que é autora Mª Concepción Álvarez Lebredo.

 O premio, dotado con 3000 €, escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e publicación do libro polo IEM na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.

A obra

"É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional", fundamentou o xurado na súa acta final. "Fala de realidades, desexos e temores moi íntimos, dun xeito directo que consegue facernos partícipes", agrega.

"Os poemas visibilízanse ante nós, como se cada un se convertese nunha pequena curtametraxe", afírmase no escrito. 

O xurado que estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario, sinalou que "O libro vaise construíndo como a casa que habita o eu poético observando todo o que está ao seu redor nos distintos momentos do día. Soidade, desexo de amor, entrega á enfermidade, son os muros que erguen a casa en que a luz é imprescindíbel para frear a cegueira dos seus habitantes".

A gañadora

María Concepción Álvarez Lebredo é profesora de Lingua Castelá e Literatura. Naceu en Vigo no ano 1970. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e acadou a licenciatura no ano 1993.

Aínda que viguesa de nacemento e residencia, está moi vencellada familiar e sentimentalmente coa localidade asturiana de Tapia de Casariego, onde paradoxalmente foi descubrir, dende moi nena, a beleza, riqueza e variedade da lingua galega. Por iso outro dos temas recorrentes nos seus artigos publicados ten que ver coa recuperación, conservación e dignificación da lingua galega en territorio asturiano.

No ano 2002 gañou o segundo premio no certame de relato histórico Reconquista, convocado polo Instituto de Estudios Vigueses. O seu poemario Distancias e simetrías, recoñecido co V Premio Victoriano Taibo de poesía, é a súa primeira obra poética que verá a luz.