Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Gondomar acollerá a festa da tradición musical galega "Cantares no Miñor" este sábado no auditorio.

Gondomar acollerá a festa da tradición musical galega "Cantares no Miñor" este sábado no auditorio.

Correo-e Imprimir PDF
Cantares-do-Brion-imaxe-de-Luis-Garcia-Crego

Máis dun centenar e medio de voces entoarán cantigas e pezas tradicionais do país na primeira edición do Encontro de Coros Tradicionais "Cantares no Miñor". O evento, que terá lugar este sábado ás 20:30 horas no auditorio municipal de Gondomar Lois Tobío, congregará á senlleira agrupación compostelá Cantigas e Agarimos e ás voces e músicos do Coro Tradicional de Vincios Cantares do Brión.

 

Ademais das músicas da terra, o público tamén gozará do espectáculo visual dos traxes tradicionais que lucirán os coros participantes. Vestimenta que no caso do coro de Vincios foi confeccionado polas costureiras do propio grupo, integrantes moitas delas do movemento galego de traxes tradicionais.

O encontro será presentado por Xilberte Manso de la Torre, profesor do Instituto ProVal e membro destacado do Instituto de Estudos Miñoranos. Se recomenda chegar cedo ás instalacións do auditorio pois a entrada é de balde.

O Coro Tradicional Cantares do Brión.

Con máis de sesenta integrantes, a agrupación reúne ademais de músicos profesionais, a costureiras, obreiros, estudantes e persoas de moitos outros oficios e de variada idade, que atraídos polo xeito da arte, levan dende finais do ano 2008 percorrendo un camiño único na provincia de Pontevedra: a recollida e interpretación da música coral tradicional galega.

Foliadas, muiñeiras, alalás e xotas compoñen o repertorio de Cantares do Brión, que ten como referentes os coros históricos da Galicia de principios do século XX e da que hoxe só cultivan non máis de cinco agrupacións en todo o país.

Pablo Rial Salgueiro é o director artístico desta agrupación nacida na parroquia de Vincios, no entorno do seu Centro Cultural. Ten as primeiras actuacións públicas en 2009 e se constitúe formalmente o 7 de marzo de 2010. A súa presentación oficial celebrouse o pasado 22 de xaneiro de 2011, apadriñados polo coro Cántigas da Terra.

Este I Encontro de Coros Tradicionais Cantares No Miñor, celebra dalgún xeito o seu primeiro aniversario oficial, e servirá de aquí en diante para que o Val Miñor reciba nestes encontros as agrupacións corais máis representativas de Galicia, sempre baixo o signo da tradición musical galega.