Encontro de Marta Dacosta cos lectores do seu libro "Acuática alma" na librería Libraida de Gondomar.

Imprimir
presentacionacuatica2912201

 

Este sábado 31 de decembro, desde as 12 e até as 13:30 horas, a escritora Marta Dacosta asinará exemplares do seu libro Acuática alma na librería Libraida de Godomar. O libro está editado por Espiral Maior e é o sexto poemario da autora.

Acuática alma consta de catro partes precedidas dun poema-metamorfose e finaliza co poema longo Adartia, unha reelaboración da deusa céltica en contraposición á personaxe de Homero, Nausícaa. O libro foi presentado o día 29 na aula Ponte de Rosas do Instituto de Estudos Miñoranos. No acto de presentación participaron o poeta Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, e o escritor e director da sección de Lingua e literatura do IEM, Miguel Anxo Mouriño, así como a propia autora.

Miguel Anxo Fernán Vello destacou que estamos ante un libro de madurez, no que cabe salientar o simbolismo da auga, que emana xa do propio título, onde o fonosimbolismo actúa como porta de entrada a un libro en que o ritmo e o valor fonético das palabras teñen un papel destacado.

Miguel Anxo Mouriño sinalou que o poemario trata da inxustiza, xa sexa pola morte inesperada, a violencia contra as mulleres ou a das agresións á natureza e aos seres vivos. Mouriño presentou á autora como unha persoa comprometida co seu tempo, coa nosa lingua e coa nosa literatura.

O acto de presentación rematou cun recital no que a autora estivo acompañada de Duna Corredoira e Aldán López, dous actores novos que forman parte da Escola de Teatro de Gondomar, Pritis guomins.

Este 31 de decembro, a autora estará desde as 12 da mañá asinando exemplares desta obra en Libraida, na rúa Rosalía de Castro, nº 13, de Gondomar.

Obra poética de Marta Dacosta: Crear o mar en Compostela (1994, 2004) premio de poesía O Grelo, Pel de ameixa (1996) premio de poesía González Garcés, Setembro (1998) premio de poesía Martín Códax, En atalaia alerta (2000) accésit do premio de poesía Esquío e As Amantes de Hamlet, (2003). A súa obra está recollida en diversas antoloxías e foi traducida ao ruso, ao catalán ou ao español. Publicou o libro de viaxes Baixo Miño, 2009, e o folleto Un mar de mulleres, libro para a exposición do mesmo título, 2011. Autora de varios artigos sobre terminoloxía da natureza ou toponimia relacionada cos mamíferos mariños, investigou sobre a sintaxe do galego medieval: A coordinación no galego medieval (tese de licenciatura inédita). A súa reflexión literaria céntrase no papel da muller escritora, na súa xeración ou no significado simbólico do mar na poesía galega e ten analizado a obra de autores como Manuel María, Victoriano Taibo ou Méndez Ferrín, sobre o que publicou a guía de lectura: Análise práctica de Con pólvora e magnolias, X. L. Méndez Ferrín. Desde 2004 colabora con diferentes medios de comunicación.