A "Mostra de Outono" continúa coa comedia “Toda unha vida”, este sábado no auditorio Luis Tobío

Imprimir
Imaxe da comedia Toda unha vida.
A Mostra de Teatro e Maxia Outono 2010, o programa cultural da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar para os meses de novembro e decembro, continúa esta fin de semana coa obra de teatro “Toda unha Vida”, a cargo da compañía pontevedresa “Expresións Produccións”, de Manuel Sola. Trátase dunha comedia emocional e íntima que aborda os problemas da vida de xeito tenro e esperanzador.

 

Os seus responsables  falan dun “un espectáculo sorprendente e orixinal, que escandila ao público desde o primeiro momento polo seu ritmo, os cambios constantes e calidade dos actores, xa que conxuga momentos de gargallada con outros de emoción”. “Toda unha vida” é unha obra “divertida, pero tamén profunda e con mensaxe”.

 

A función será o sábado 13, ás 22.00 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío. As entradas, ao prezo de 3,5 euros, venderanse en taquilla desde unha hora antes da función.

A Mostra de Teatro, organizada en colaboración con Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia), traerá a Gondomar 11 espectáculos diferentes ao longo dos dous vindeiros meses. A programación arrancou a semana pasada coa función de Fulano, Mengano e Citano, que abarrotou o auditorio con máis de 220 persoas, sendo a capacidade do recinto de 250 butacas.

A programación continuará o venres 19, cun dos pratos fortes deste ano: Carlos Blanco. Xa o sábado 20 dará comezo o ciclo de maxia co espectáculo “Trío de Ases”.