O Coro Tradicional Cantares do Brión: "o coro tradicional de Pontevedra".

Imprimir
logo_Brin_

Con máis de sesenta integrantes, a agrupación reúne músicos profesionais, costureiras, obreiros, estudantes e persoas de moitos outros oficios e de variada idade, que atraídos polo xeito da arte, levan dende finais do ano 2008 percorrendo un camiño único na provincia de Pontevedra: a recollida e interpretación da música coral tradicional galega.

Foliadas, muiñeiras, alalás e xotas compoñen o repertorio de Cantares do Brión, que ten como referentes os coros históricos da Galicia de principios do século XX e da que hoxe só cultivan non máis de cinco agrupacións en todo o país. É por iso que xa comezan a ser nomeados como “o coro tradicional de Pontevedra”, polos seus pares de Santiago, A Coruña, O Ferrol e Ourense.

Pablo Rial Salgueiro é o director artístico da agrupación, e Xosé Manuel García Crego o presidente da asociación, ambos designados pola asemblea constitutiva do 7 de marzo deste ano.

O compromiso coa identidade galega dabondo confirmada no eido musical cos repertorios e instrumentos, tamén inclúe o vestido tradicional -deseñado e confeccionado polo grupo- e a lingua galega no desenvolvemento das súas actividades.

Se ben Cantares do Brión ten feitas varias actuacións ao longo deste tempo, a súa presentación "oficial" en sociedade será o próximo domingo, 21 de novembro, ás 18 horas, no Centro Cultural Caixanova, en Vigo, na Homenaxe ao Gaiteiro que todos os anos organiza o Grupo Etnográfico A Buxaina, de Coruxo. Nesta ocasión e por primeira vez, o Coro Tradicional Cantares do Brión lucirá os traxes que o identificará en diante.