Domingo, 3 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura "Os nosos escritores" con Anxo Angueira

"Os nosos escritores" con Anxo Angueira

Correo-e Imprimir PDF

O Instituto de Estudios Miñoranos achega na súa cita "Os nosos escritores"
a conferencia con Anxo Angueira no salón de sesións do Concello de Nigrán o vindeiro venres 21 ás 19 horas.

Relato do autor O catorce de Vilachán. (na Voz de Galicia)

Era o catorce de Vilachán e había que erguerse cedo, de madrugada. El, Meu Pai, sabía o camiño cos ollos pechos. Subimos á Chisca pola Tomada entre o mouchear dos mouchos. Meu Pai, El, avelloado, parou na Campa. Oíase o rebulicio no fondal da Riaseira, contra Xei, de toda a paxarada por antre as cerdeiras en flor de néboa ó raia-lo día. Collemos a congostra costenta de Espiñeira e fomos saír por tras do píncaro do Pedregal. Oubeou o lobo. O lobo oubea ó entrares en terras de Lousame.

Ilustración: Abraldes
El xemía abafado. Meu pai. «Vai ti. Colles a dereitura daquela bouza e despois xa todo é caer cara Vilachán». Xemía. «Eu volvo». Andei antre toxo rabeno, esquivo mato e rinchos de bestas ceibas e distantes, pacendo onde non se vían chans. Era o catorce de Vilachán e Meu Pai abandonárame na gándara, coma un palleiro. «Mañá erguémonos cedo. A pedra de afiar está moi gasta. Hai que ir buscar unha nova». «¿A onde?», preguntei. «� catorce de Vilachán».



Axiña imaxinei o frío da madrugada rabuñándome nos ósos, subindo as abas de Cal de Barcas e Valranco bretemoso, por camiños que mal sabía. Imaxinei a El, vello e acabado, teimudo coa pedra de afiar, subindo diante. «Vai ti. Colles aquela dereitura e tráguesme unha pedra de afiar». ¿E el non as había allures? Non, tiña que ser pedra do catorce de Vilachán, para fouces ceifadoras. Durmín mal. Soñei toda a noite coa pedra. Soñei que a traguía ó lombo e que ó chegar á casa -un recuncho infinito- a pedra xa estaba gasta. Era o catorce de Vilachán. A xente e o gando arremuiñaríanse su os carballos da feira ledos. Só había que carga-la pedra. E regresar. Corren nubes. O sol está alto. E o miñato. Diante, o catorce de Vilachán.