Contaminar a Foz do Miñor sairá gratis, ou cando menos non será algo que deba preocupar de cara a poder recibir sancións económicas pola falta de depuración das propias administracións locais. Así se desprende da proposta lanzada o pasado sábado polo presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentando a parte galega do programa do seu partido para as eleccións europeas do 25 de maio.
O pasado decembro a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo votaba definitivamente o informe resultante da visita dunha delegación da Eurocámara ás rías do Burgo, Ferrol e Vigo.
A Foz do Miñor é unha das dúas únicas zonas de toda España, pechadas ao marisqueo polos seus altísimos niveis de contaminación por augas fecais. Nos últimos 10 anos a contaminación aumentou nun 800% e o problema segue sen solucionarse.