A proliferación de palmeiras no Val Miñor como ornamentación privada ou pública é abondosa. Dende xaneiro de 2013 a praga do picudo vermello as está a ameazar, infectar e estragar sen clemencia. Autoridades e espertos recoñecen as dificultades para combater esta praga unha vez que infecta un exemplar. Aínda máis evitar a propagación pola súa capacidade de desprazamento en voo.
A maiores os tratamentos ou erradicacións non son gratuítos, polo que á pegada medio ambiental hai que sumar o peso nos petos dos contribuíntes e nas economías dos propietarios particulares de palmeiras. Mais a “guerra” ao picudo está declarada, e tres consellos básicos se achegan dende todos os axentes implicados na causa: coñecer, detectar e informar.