A Xunta de Galicia achega recursos en rede para os Reis Magos.

Imprimir
valentin garcia reis magos

A Rede de Dinamización Lingüística dispón de modelos de carta para axudar aos Reis Magos a responder en galego.

Pais e nais poderán axudarlles ás Súas Maxestades na confección das misivas a través de www.lingua.gal

Este recurso dixital enmárcase na programación de actividades do programa ´Nadal en Rede' que se estreou este martes por parte da Xunta de Galicia.

A ferramenta informática ten por obxectivo que pais, nais e os servizos de normalización dos concellos poidan axudar os Reis Magos a elaboraren, dun xeito doado, unha carta para responder en galego ás peticións que reciben dos máis cativos.

O Secretario Xeral de Política Lingüística,Valentín García salientou "a utilidade deste recurso para que, dende as primeiras idades, os nenos e nenas galegos perciban a importancia da lingua propia de Galicia, que é a que usan Melchor, Gaspar e Baltasar –unhas persoas tan relevantes para eles- nas súas respostas e a que mesmo os tres sabios animan a empregar". O secretario xeral sinalou tamén que esta sinxela ferramenta facilitará o traballo, non só das Súas Maxestades, senón tamén dos pais e nais e mais o daqueles servizos de normalización que se encargan de responder, no nome dos Reis, as misivas dos nenos.

De feito, serán os adultos quen teñan que botarlle unha man a Melchor, Gaspar e Baltasar introducindo algúns datos nunha sinxela aplicación informática que a Secretaría Xeral de Política Lingüística preparou para os tres magos de Oriente. Cos datos achegados, xerarase unha carta de resposta dos Reis Magos en dobre modalidade: imprimible, para que cada cativo a reciba na súa caixa do correo, ou virtual, se é o correo electrónico o medio elixido polas Súas Maxestades.

Recursos tamén na rede
Canda o recurso para a resposta en galego dos Reis Magos, a xente miúda segue a ter á súa disposición un modelo de carta para enviarlle a Melchor, Gaspar e Baltasar desde www.lingua.gal Tamén desde o Portal da Lingua Galega o resto da familia terá a oportunidade de felicitarlles as festas aos seus amigos e parentes grazas ás postais electrónicas dispoñibles.

Por último, e para facerlles mais doado o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) disporán de cadanseu exemplar de 'O libro dos Reis Magos', tamén accesible para o público en xeral desde: www.lingua.gal.