Primeiros pases do satélite Serpens por Vigo

Imprimir
Serpens

As primeiras sinais do satélite recibíronse en Brasil a última hora do xoves

O número de horas e pases sobre o campus é moi variable, pero a previsión é que sexan arredor de tres diarios

Este venres comezou cedo para os investigadores da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo. Aínda non eran as seis da mañá cando chegaron a estación de seguimento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e, apenas corenta minutos despois, ás 06.41 horas, chegou o primeiro pase do Serpens, o terceiro picosatélite lanzado ao espazo pola Universidade de Vigo, e con el a confirmación “que a recepción era correcta”, explica o profesor Fernando Aguado, responsable da agrupación, “moi moi contento con esta nova”, explicaba a media mañá, cando xa se produciran tres novos pases, un arredor das oito, outro ás nove e media e outro sobre as once, o último previsto para hoxe.

Acompañado polos enxeñeiros da agrupación que máis implicación tiveron neste proxecto, admite que nesta ocasión, a diferenza do que acontecera con Xatcobeo e Humsat-D, chegaron ao campus coa confianza que dá saber que a sinal xa fora recibida de xeito correcto no Brasil e Xapón, unha confirmación que lles chegou a última hora da tarde deste xoves a través da Axencia Espacial Brasileira, entidade parceira do proxecto xunto ás universidades de Brasilia, Minas Gerais, Federal de Santa Catarina e Federal do ABC, no Brasil, así como o Instituto Federal Fluminese, a Morehead State University e a California State Politechnic dos Estados Unidos, xunto coa universidade italiana da Sapienza.

Se ben o número de horas e pases sobre o campus serán moi variables, a previsión é que mañá sábado haxa outros tres. “Agora mesmo a Estación Espacial Internacional ten uns pases bastante irregulares, cuns horarios que poden variar moito dun día a outro, pero o noso cálculo é que haxa unha media de entre tres e catro pases diarios”, apuntou o responsable da agrupación, que explicou tamén que durante esta primeira fase, que durará un par de semanas, o que se fai é analizar o estado do satélite, “revisando todos os datos, analizando o funcionamento das diferentes configuracións, así como axustando a planificación para as seguintes semanas”, que aclara tamén que do 27 setembro ao 3 de outubro non haberá pases útiles, “xa que coincidirán de noite”.

Experiencia do primeiro pase para os máis novos do proxecto

Con pouco máis de 20 anos Antón Vázquez entrou a formar parte da Agrupación Aeroespacial apenas un mes antes do lanzamento do Humsat-D, en novembro de 2013, e se daquela tivo xa a oportunidade de vivir en directo os nervios dunha experiencia coma esta, admite que nesta ocasión, co Serpens, a emoción foi aínda maior, pois neste caso participou en todo o proceso de construción e posta en marcha do satélite, incluída unha estadía en Brasil na que tivo, xunto a dous dos seus compañeiros, Diego Nodar e Alberto González, a oportunidade de participar na integración e test de todo o proxecto, incluídos os test ambientais e as auditorías de seguridade da Axencia Espacial Xaponesa XASA”.

“Por outra parte, teño que recoñecer que o primeiro pase do Humsat-D foi máis emocionante ca o de Serpens no sentido de que as incógnitas eran maiores”, subliñou o enxeñeiro, que explicou que no caso do primeiro satélite da constelación Humsat o lanzamento se fixo “desde terra, inserido noutro satélite e ambos dentro dun foguete, unha cadea moi delicada que provoca que se algún dos pasos falla se malogre todo o demais”.

Respecto a estadía no Brasil, non dubida en afirmar que, “pese a que tivemos un ritmo de traballo moi elevado, debido ao axustado do calendario” repetiría “sen dubidar”, xa que foi algo que lle permitiu comprobar que “somos capaces de facer cousas e sacar o traballo adiante, ás veces contra prognóstico, e facelo ben”.

Con outra visión, a de quen lle tocou colaborar na supervisión desde Vigo, o seu compañeiro de agrupación Bibiano Fernández-Arruti, comparte con Vázquez a sensación de que o Serpens é “un proxecto moi noso”. Participou en todas as probas realizadas en Vigo, tanto de montaxe como de comprobación do satélite enteiro, e “aínda que admito que me deu pena non poder ir a Brasil, estivemos en todo momento en contacto con eles, ao tempo que fomos avanzando no resto de proxectos da agrupación”.

E agora que?

Tras estes primeiro días, a partir da semana que vén iniciarase unha nova fase de verificación e probas na que o Serpens comezaría a recoller información de sensores de baixo custo instalados en diferentes zonas do planeta, que transmitiría tanto a Brasil como a Vigo e cos que se poderían comprobar as melloras realizadas ao sistema de comunicacións deseñado para o Humsat-D.

D. Besadío | Vigo - DUVI