Xoves, 22 Aug. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde A bolboreta que dá cobertura ás persoas con trastorno mental do Val Miñor necesita máis apoios.

A bolboreta que dá cobertura ás persoas con trastorno mental do Val Miñor necesita máis apoios.

Correo-e Imprimir PDF

residentes avelainha

A Asociación Avelaíña conmemorará o Día Mundial da Saúde Mental  inaugurando novas instalacións en Baiona. Na bisbarra e contorna ofrece servizos de apoio a máis de 400 persoas con algún tipo de trastorno mental. Delas, 25 participarán deste centro de rehabilitación que pechou en Gondomar e este venres reabre na Vila Real. Máis este servizo vital para as familias do Val Miñor non é o coñecido nin “recoñecido” suficientemente. Ter máis próxima a realidade pola que atravesa Avelaíña foi obxecto desta entrevista co seu equipo de fornecedores.

A bolboreta do Val Miñor. 

MESA-INFORMATIVAO nome "Avelaíña" é unha palabra galega que denomina a un tipo de bolboreta que busca “desesperadamente a luz na noite pechada”, explica no seu portal.  Por iso a asociación a elixiu como metáfora da enfermidade mental, desa desconexión coa realidade, da escuridade e confusión para quen a sufre e as súas familias. En Galicia son 41.500 persoas as que están diagnosticadas. A federación que as agrupa (FEAFES) reclama neste Día Mundial da Saúde Mental a dotación de recursos e soportes para evitar a exclusión social deste colectivo, apoio ós familiares que asumen a tarefa de coidadores e a necesidade de axustar a medicación dos pacientes de saúde mental á dose mínima. Sobre estas bases diriximos as preguntas a Avelaíña:

VM.info - Cantas persoas atende Avelaíña no Val Miñor e con cantos locais e persoal conta?

Avelaíña -  Avelaíña atende a 25 usuarios no seu Centro de Rehabilitación no Val Miñor procedentes dos concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona  e próximo de 400 persoas no servizo de orientación á comunidade, asesoramento e outros servizos. A Asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial localizado en Baiona, ademais dunha vivenda tutelada na Guarda e dun Centro de Rehabilitación tamén nesta localidade.

O Centro do Val Miñor conta cunha psicóloga, unha educadora social e unha técnica de comunicación. Todos elas reciben o apoio do equipo da Guarda: O xerente, unha administrativa, así como unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social.

VM.info - FEAFES fai un chamado aos profesionais da saúde  a "axustar a súa medicación á dose mínima" aos pacientes. Dende a vosa experiencia, atopades algún tipo de excesos nas medicacións ? Ten Avelaíña algunha ponte de comunicación cos profesionais da bisbarra para falar deste punto?

Avelaíña - Existe unha boa comunicación e colaboración entre a Unidade de Saúde Mental da Xunqueira e o noso equipo. En canto as medicacións dos  nosos usuarios non  notamos que veñan con excesos dela, pero  calquera alteración o anomalía que se aprecie se comunica os profesionais da Unidade de Saúde Mental  para o seu control e  axuste.

VM.info - FEAFES sinala que no 88% dos casos son as nais (supoñemos que a familia) quen fan de "coidadores informais" dos pacientes psiquiátricos. Avelaíña ofrece servizos ás familias? Contan elas ou Avelaíña con algún tipo de apoio económico para solventalo?

traballo avelainhaAvelaíña -  Avelaiña ofrece apoio as familias a través dos programas de Orientación, atención domiciliaria e Escola de Familias. A través destes servizos ás familias,  se intenta aliviar as  situacións de estrés, dar  asistencia psicosocial e mellorar as relacións entre familiares e enfermos. O financiamento que recibe a Asociación non é suficiente para chegar a todos os domicilios, xa que se trata de moitas persoas afectadas na comarca  que necesitan un gran apoio polo seu desgaste.

VM.info -  FEAFES afirma que moitos pacientes por razóns económicas e falla dunha política preventiva dos diagnósticos están en perigo de exclusión social.  Nese senso, salientan a necesidades de políticas de apio en eidos como o emprego, a formación, ocio, etc. No caso das administracións locais do Val Miñor, ten facilitados programas á asociación para mellor desenvolvemento destes obxectivos? A Deputación de Pontevedra destina algunha partida? Hai bolsas de traballo ?

Avelaíña - Con respecto o emprego, a través da Fundación Once, Avelaíña impartiu este ano un curso de xardinería para 15 persoas,  logrando a incorporación laboral dun usuario. En canto as Administracións locais, ven colaborando o Concello de Gondomar para axuda ó Centro de rehabilitación, e a Deputación de Pontevedra para un Obradoiro de habilidades sociais.

No ámbito laboral hai un gran baleiro, xa que unha vez que os nosos usuarios logran a  normalización nas súas vidas, necesitan dar un paso mais cara o mundo laboral e neste senso non hai programas nin recursos.

VM.info - Que aspectos amosan como máis importantes a desenvolver cara o futuro no Val Miñor con respecto á mellora do sector?

Avelaíña - O aspecto más importante a desenvolver no Val Miñor é lograr que Avelaíña se implante na zona e neste senso estanos custando entrar por falta de apoios. Necesitamos que a Asociación se consolide e consiga ter mais presenza  social na comarca, ademais  dunha   maior implicación por parte das administracións locais.

O Día Mundial da Saúde Mental en Baiona

Avelaíña ofrecerá unha xornada de portas abertas no seu novo local na Rúa Alferez Barreiro nº22 en Baiona. Das 11 ás 13 horas as persoas que o desexen poderán percorrer as instalacións. Este espazo conta con 25 prazas concertadas, aínda que son moitas máis as que acoden ao centro para recibir apoio, información e asesoramento