A conselleira Rocío Mosquera defende a súa xestión e nega "colapsos" durante o verán. Toda a oposición coincidiu en denunciar o abandono da sanidade pública.
Diminuír as enfermidades e responder á mellora continua do sistema a través de 17 prioridades que inclúen 108 obxectivos, 248 accións de mellora e 334 indicadores. Ese é o novo obxectivo da Consellería de Sanidade no seu Plan de prioridades sanitarias para o período 2014-2016 que deu a coñecer este martes na Cámara a súa titular, Rocío Mosquera.
Unha sesión que estivo cheo de reproches de PSdeG, AGE e BNG que coincidiron en destacar o abandono da sanidade pública. “ O que pretendemos con este plan é conseguir melloras en saúde a través da prevención e a prestación de servizos asistenciais de calidade e equidade facendo reais os dereitos legalmente recoñecidos dos pacientes, ademais de asegurar a sustentabilidade financeira do sistema cunha xestión eficiente", defendeu Mosquera.
Pero os grupos da oposición denunciaron unánimente as políticas sanitarias do goberno popular e lamentaron o abandono, a deterioración e o desmantelamento que se está producindo na sanidade pública a favor da privada.
Así, o portavoz socialista nesta materia, Pachi Vázquez, lembrou que a Sanidade galega perdeu 1.126 millóns de euros no orzamento e 2.093 profesionais desde que o PP chegou ao Goberno da Xunta no ano 2009. "Póñase ao lado dos enfermos. Nin no do seu partido nin no do seu goberno. Defenda aos que están mal", solicitou o deputado socialista.
Pola súa banda, a deputada de AGE Eva Solla censurou a "desvergoña" do PP na xestión desta materia e apuntou a que seguen as doutrinas do "libro branco" de Sanidade de Margaret Thatcher para parecerse cada vez máis ao modelo dos Estados Unidos.
Tamén a deputada nacionalista Montse Prado reprochou a Mosquera que acuda ao Parlamento ha realizar "publirreportaxes" e sesións de "propaganda" mentres elude os verdadeiros problemas dos galegos, "desesperados" ante a situación sanitaria.
Mosquera insiste, os cidadáns están “satisfeitos”
Pero Mosquera, lonxe de respostar as críticas, insistiu en tirar dos seus datos, dos datos da Xunta, para suliñar que os cidadáns están “satisfeitos” coa sanidade galega, a pesares das numerosas protestas sociais e profesionais e dos atrasos que hai na posta en marcha de centros hospitalarios, como é o caso do de Vigo.
Por iso, apostou por unha mellor organización, a través das unidades de xestión integrada, un aumento das novas tecnoloxías e unha modernización do sistema, tomando como "placa de cambio" a innovación e unha colaboración conxunta de todos os axentes implicados: pacientes, cidadáns, xestores e persoal sanitario. En todo caso, non quixo aclarar se persistirá na súa política de privatización da sanidade pública.
Tamén dixo que os tempos de espera son unha "preocupación constante" do seu Executivo, polo que fixo especial fincapé no "compromiso" do Goberno galego coa saúde e cos servizos sanitarios, un feito que se demostra nos orzamentos da Xunta, cara a onde se destina o 41 por cento da cifra total de gasto, alcanzando os 1.230 euros por habitante.
Ante as críticas de abandono da oposición, a titular de Sanidade indicou que, durante o período estival, non se produciu o "desastre" de colapso que anunciaban polo peche de camas e que, a pesar de que hai marxe de mellora, os resultados evidencian que Galicia está "mellor" que outras Comunidades Autónomas.
- Información do medio colaborador Galicia Confidencial