Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde POVISA despide a 12 traballadores pese a ter 11 milóns de beneficio e renovar o convenio co SERGAS

POVISA despide a 12 traballadores pese a ter 11 milóns de beneficio e renovar o convenio co SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Centro POVISA

A uns días de que sexan públicos os novos datos da situación das quendas en Galicia, o centro concertado POVISA, principal lastre da sanidade galega e hospital de referencia para os enfermos do Val Miñor, despedirá a doce traballadores pese a ter un beneficio de 11 millóns de euros e asinar recentemente un novo convenio co SERGAS por un tope de 75 millóns de euros anuais para os próximos dez anos.

 

Así o denunciou o comité de traballadores de Povisa que compareceron onte en rolda de prensa para denunciar que a empresa vén de despedir a 12 traballadores/as alegando o remate do anterior concerto económico co Sergas - acordo que vén de ser renovado recentemente - "co obxectivo de volver contratar en peores condicións laborais". 

O presidenta do comité de Povisa, María Xesús Neira, da CIG, cualificou de “vergoñento” que unha empresa que obtivo 11 millóns de euros de beneficio grazas ao concerto subscrito coa Xunta despida traballadores/as que tiñan que ter pasado a indefinidos/as segundo a propia Inspección de Traballo. “A compañía entende que os contratos rematan por fin de obra, pero non existe ningún contrato deste tipo que dure máis de tres anos”.

Neste senso, denunciou que con esta manobra a dirección pretende substituír estes operarios/as por outros en peores condicións laborais, “xa que os novos contratos incorporan as cláusulas que flexibilizan a xornada e que permiten que até un 30% da mesma sexa en horas complementarias, o que significa ter 'traballadores/as á carta'”.

Ao mesmo tempo, Neira censura o feito de que os representantes do cadro de persoal coñecesen o acordo entre Povisa e o Sergas para renovar o concerto económico -cuxa sinatura estaba prevista para onte- porque a empresa llo comunicaba no burofax de despedimento que lle enviou a unha das 12 persoas afectadas. Dende o comité amósanse contrariados coa decisión ao entender que “tería sido máis lóxico despedir os contratos Sergas feitos durante o verán e non a traballadores/as con máis dunha década de experiencia na empresa”.

Para o comité está moi clara a responsabilidade da Xunta de Galicia (PP) e da Inspección de Traballo, que permiten os despedimentos para reducir custes laborais a pesar de que a empresa obtivo beneficios. Ademais, critican que a compañía siga negándose a negociar o novo convenio colectivo a aplicar as sentenzas xudiciais contra a redución de xornada. “Está claro que Povisa manda nos Xulgados e na Inspección”, sosteñen.

Finalmente, lamentan que a dirección anunciase á opinión pública que o novo concerto económico permitirá a estabilidade no centro médico durante 10 anos “pero o primeiro que fan é despedir traballadores/as”. Diante disto, convocaron ao cadro de persoal a unha asemblea onte pola tarde para decidir os pasos a dar contra a decisión -o comité xa anunciou que fará todo o posíbel a nivel legal contra os despidos-  e pola tarde fixeron concentración de protesta diante do centro.

O novo convenio de POVISA co SERGAS

O novo convenio firmado onte prolonga outra década a asistencia a 139.000 usuarios da área sanitaria viguesa. Por cada un deles, a Xunta de Galicia pagará 540 € anuais. En total a Xunta pagará ao hospital privado vigués 75 millóns de euros anuais; revisables co IPC.

Na firma do convenio o centro vigués comprometíase a cumplir os mesmos obxetivos de listas de espera que os complexos públicos coa nova cantidade económica asignada, algo que polo de agora non se ven cumprindo.

Os cidadáns poderán cambiar de hospital se non están contentos.

O novo convenio engade a opción de toma de decisión por parte dos cidadáns para decidir o centro onde queren ser atendidos. A xerente do SERGAS, Nieves Domínguez indicaba onte en rolda de prensa, que os usuarios deberán encher un formulario e achegar "o DNI e pouco máis", nuns trámites que se poderán realizar nos centros de saúde. Cada ano se reabrirá o mesmo proceso no mes de novembro.

Dominguez vaticina onte que  "non será unha gran cantidade de persoas, porque a xente é bastante fiel onde é atendida".  Se fosen máis, terían que estudar solucións, porque Povisa só podería atender a 139.000 dos que decidisen quedar. Se os traslados ascendesen a moitos máis e o Chuvi tivese dificultades para absorber a nova demanda, o Sergas exporía o proceso inverso e ofrecería aos usuarios do complexo público trasladar a súa asistencia a Povisa.