"A sanidade pública galega está en perigo de extinción, ameazada de sufrir un colapso en canto se empecen a pagar os canons polos servizos externalizados e o gasto en farmacia e material siga sen control, a pesar dos copagos". É o presidente de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, quen fai esta advertencia ante o deterioro da sanidade púbica.
Martín vaticina "un futuro moi escuro" para a rede sanitaria pública se se mantén a "deriva" actual da súa "descapitalización" a través da redución orzamentaria, a súa "privatización por lotes" e unha "drástica redución" de persoal que, advirte, podería aumentar "dramaticamente".
Nunha entrevista á axencia EFE recollida por varios medios, Martín calcula que o saldo dispoñible do orzamento sanitario para o funcionamento de hospitais e centros de atención primaria e para investimentos chegará a reducirse a un 6%, unha cifra "insustentable", polo que moito se teme que a Xunta "meterá man" ao capítulo de persoal, que representa un 45% do orzamento.
Tamén alerta das consecuencias do sistema de financiamento privado e pon como exemplo a construción do novo hospital de Vigo, que custará "catro veces máis" do orzamentado, e que, tras varias modificacións do proxecto orixinal, quedará reducido a "unha carcasa".
Alude a unha redución da superficie construída e de camas de hospitalización, áreasignación de pacientes de determinadas especialidades a Santiago de Compostela e á supresión dalgúns servizos como o laboratorio central, e vincula esta circunstancia ao concerto, recentemente renovado, coa clínica privada Povisa.
"Adelgazamento da sanidade"
Ademais, denuncia que este proceso de "adelgazamento" está a afectar a interinos e contratados, e tamén se está plasmando nas xubilacións "obrigadas" aos 65 anos sen reposición das postos vacantes, que SOS Sanidade Pública cifra nun milleiro.
Das listas de espera, o presidente da plataforma cre "escandaloso" que este verán se vaia a producir o maior peche de camas hospitalarias no Sergas cando "hai máis xente que nunca" agardando por unha intervención cirúrxica.
Pero, sen dúbida, a principal "ameaza" para o sistema sanitario público galego e español é a privatización de servizos. Asi, destaca que servizos non sanitarios que xa foron privatizados como as ambulancias, a historia clínica electrónica, telecomunicacións, limpeza e mantemento de equipos, que tamén "repercuten na calidade asistencial", e avisa dunha seguinte fase, coa esterilización e a radioloxía no punto de mira.
Os "nomeados a dedo"
Outro dos cabalos de batalla de SOS Sanidade Pública son as unidades de xestión clínica, que estarán presididas por "persoas nomeadas a dedo" polo xerente de cada área sanitaria, "con poder para contratar, despedir e incorporar equipamento, e con incentivos vinculados co aforro".
Iso suporá, segundo Manuel Martín, que no Sergas coexistan "múltiples reinos de taifas, competindo entre eles", e que os profesionais sanitarios acaben sendo "cómplices" das "políticas de recorte" da Xunta.
Do medio colaborador Galicia Confidencial