Domingo, 22 Sep. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde A Fundación Menela presenta un programa de educación permanente dirixido a persoas con autismo.

A Fundación Menela presenta un programa de educación permanente dirixido a persoas con autismo.

Correo-e Imprimir PDF
manela-en-nigran

A Fundación Menela desenvolverá en Nigrán un programa de educación permanente destinado a persoas adultas con autismo. "Unha cuestión básica e fundamental ao longo de todo o seu ciclo vital", segundo explicou Cipriano Jiménez, director xeral da fundación durante a presentación do proxecto este venres no Salón de Plenos de Nigrán.
Destacouse a posta en marcha de programas estimuladores "para o enriquecemento" das súas habilidades sociais, autonomía persoal e preparación para a realización daquelas tarefas máis adecuadas atendendo ás súas posibilidades, "polo que o proceso educativo non debe acabar en ningún caso nas escolas de educación especial, senón prolongarse ao longo de toda a súa vida", apuntou o director de Menela.


A educación permanente en persoas adultas con autismo ten como obxectivo prioritario evitar posibles desigualdades, "polo non pode haber máis alternativas que considerar a educación no seu sentido máis amplo, que debe prolongarse ao longo de toda a vida de todos os individuos, e con máis razón nas persoas que máis o necesitan, como é o caso das persoas adultas con autismo", sinalou.
O proxecto presentado esta mañá no Salón de Plenos municipal leva por título "Promoción do desenvolvemento integral das persoas adultas con autismo a través dun programa de educación permanente", está promovido polo Centro Español do Autismo, e desenvolvido de forma conxunta pola Asociación Novo Horizonte de Madrid e o Centro Castro Navás da Fundación Menela, que conta co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O alcalde, Alberto Valverde, felicitou a ambas entidades pola iniciativa presentada hoxe e salientou que trátase dun programa de ámbito nacional que axudará de forma considerable a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por este trastorno, así como a das súas familias e achegados.
Así mesmo, reiterou o seu apoio ao Centro Castro Navás da Fundación Menela, polo labor que realizan nas súas instalacións en Priegue e agradeceu ao seu director que unha vez máis contará co concello, "especialmente para presentar un proxecto da envergadura, importancia e proxección como o que nos convoca hoxe nestas instalacións municipais", engadiu.