Luns, 22 Jul. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde O colapso premeditado da sanidade pública en Galicia

O colapso premeditado da sanidade pública en Galicia

Correo-e Imprimir PDF
Hospital Xeral de Vigo

Sindicatos e oposición denuncian o colapso dos hospitais públicos.

A morte dunha muller despois de agardar tres horas a que a atenderan en urxencias desata unha treboada política.

O Sergas di que foi un "desagradable desenlace" pero desvincula a situación dos recortes públicos. Con todo, a Xunta rebaixou 400 millóns os orzamentos en sanidade en catro anos.

Tanto o hospital de Vigo como o da Coruña están colapsados. Son situación que veñen denunciando reiteradamente sindicatos e traballadores sanitarios. Desde o pasado luns o de Vigo tivo que recorrer a medidas excepcionais, como derivar pacientes a outros centros como o Hospital Nicolás Peña ou o hospital privado de Fátima ante o colapso dos servizos de urxencias.

E iso, a pesares de que a Xunta e o seu presidente insisten na operatividade e na calidade do sistema sanitario galego a pesares dos contínuos recurtes. De feito, as urxencias do Hospital Xeral de Vigo tiveron picos de actividade de 630 pacientes ingresados, cando a media é duns 509 nesta época.

Unha situación de colapso que segundo sindicatos e partidos da oposición está detras da morte, o pasado martes, no servizo de urxencias, dunha muller de 83 anos logo de estar esperando tres horas a que a puideran atender. Con todo, segundo o Servizo Galego de Saúde, o ocorrido foi un "desagradable desenlace" que non ten "vinculación cos recortes" aplicados polo goberno de Núñez Feijóo. "Calquera intento de establecer unha relación casual entre o falecemento da muller e os recortes sanitarios é falso, demagóxico e oportunista", salientaban desde o Sergas hai uns días.

Críticas dos sindicatos

Con todo, a situación é tan tensa que os sindicatos CIG e SATSE a solicitaron que se habiliten camas adicionais en Vigo. Din que é "imposible" derivar pacientes ao outro hospital público da cidade dado que tamén está colapsados. Os sindicatos afirman que o tempo medio de espera dun paciente que acode a urxencias en Vigo é de entre 10 e 12 horas.

"A situación do hospital é dramática porque os enfermos están desesperados retidos na sala de espera desde o luns ás 11 da noite", apuntaba CC.OO. nun comunicado sobre a situación do Hospital Xeral de Vigo. "É imperdoable a morte desta muller", denunciou ao temo que considera que a súa morte débese a un caso de presunta denegación de asistencia sanitaria.

Tamén os partidos da oposición levarán esta cuestión á Cámara. Os socialistas presentaron unha interpelación na que esixen saber que ocorreu no hospital vigués, mentres que AGE e o BNG vinculan directamente o ocorrido cos recortes en Sanidade levados a cabo polo PP.

A privatización da sanidade

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten, para o ano 2014, un orzamento de 3.326 millóns de euros, que é case 400 millóns máis baixo que en 2010. As externalizacións e os concertos con centros privados aumentaron de forma extraordinaria; representan xa preto do 50% do presuposto total xunto co gasto en farmacia e material sanitario, que segue a ser moi elevado (1335 millóns de euros).

O descenso orzamentario afecta sobre todo ao gasto en persoal (pola destrucción de prazas e a reducción salarial, descende un 14% respecto a 2010 e representa o 44% do total). "Con tanto gasto comprometido para a actividade privatizada e a factura das farmacias, o Sergas só dispón do 5% do presuposto para todo o demáis (obras, dotación, equipamento, funcionamento etc.), a todas luces insuficiente. Os actuais gobernantes levaron a situación a tal extremo que o Sergas ten cegada toda posibilidade de investimento e mellora, situación terrible para calquera organización que queira ser punteira", denuncia neste artigo Pablo Vaamonde, quen foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006.

Vaamonde lembra que a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ven de facer público un excelente informe no que deixa ben ás claras a estratexia privatizadora impulsada polo PP en Galicia. "A forma de actuar é a mesma que empregan no ámbito educativo: recortan os orzamentos, reducen o persoal e desprestixian o seu traballo, e despois ceden a empresas privadas o labor que viñan realizando os empregados públicos", denuncia.

Información recollida polo medio colaborador Galicia Confidencial