En menos dunha semana haberá un ámbito máis do sistema de saúde pública no que sexa obrigado pasar por caixa. O 1 de outubro entra en vigor a resolución do Ministerio de Sanidade que instaura o repagamento en corenta e dous fármacos para tratar enfermidades complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias aínda que os pacientes non estean ingresados. Trátase de medicamentos para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para tratar doenzas como a artrite reumatoide ou a hepatite. O Goberno central dispón que, de agora en diante, os doentes terán que poñer cartos para poder retiralos e a Xunta xa avanza que asume a medida dende o inicio.
Nomeadamente, o Ministerio de Sanidade dispón que enfermas e enfermos terán que pagar o 10% de cada envase -ou o proporcional, para doses soltas- cun límite de 4,20 euros por cada un. Cando menos seis autonomías -Asturias (PSOE), Euskadi (PNV), Andalucía (PSOE-IU), Castilla y León (PP), Canarias (CC) e Navarra (UPN)- xa anunciaron a súa insubmisión á medida, unha negativa á que se suman outras autonomías como Valencia alegando falta de tempo e ante a que o departamento que dirixe Ana Mato asegura, segundo transcendeu a través da Cadena SER, que será flexible. Mentres, dende a Xunta, primeiro a conselleira de Sanidade e despois o propio presidente amosan a súa adhesión.
Os doentes terán que pagar ata 4,20 euros por envase de medicamentos
A xustificación do novo repagamento chegaba por boca de Alberto Núñez Feijóo a preguntas do socialista Pachi Vázquez na sesión de control do Parlamento."Parécelle xusto que un cidadán que ten cancro, sida, esclerose múltiple ou unha enfermidade rara teña que ir ao hospital e pagar os medicamentos?", cuestionou o socialista, quen censura que á Xunta "non lle trema a man" á hora de aplicar esta medida, "legal pero inmoral". Neste contexto, Feijóo bota man da polivalente herdanza do PSOE para acusar a Vázquez de contribuír á "quebra dos servizos públicos" e xustificar despois que xa hai "6.000 presentacións farmacéuticas con prezo reducido de 4,20 euros e agora se inclúen outras 157". "Vostedes non teñen nada que ver?", repregunta.
Feijóo: "Pode haber políticas sociais como a nosa, pero mellores, non"
Ante a comparación con outras autonomías formulada polo parlamentario do PSdeG o presidente opta por mirar por riba do ombreiro os demais, mesmo a algún compañeiro de filas políticas. "Vostede me di o que fan outras comunidades autonónomas... Sabe o que fan? Non facer infraestruturas sanitarias; nós, cinco hospitais novos ou ampliados, o que facemos en Galicia é sanidade pública. A oposición, sentenza, segue "enganando a xente" pero o seu gabinete "non lle envidia a política social a ningunha comunidade autónoma". "Pode haber políticas sociais como a nosa, pero mellores, non".
"Non ten xustificación racional"
O entusiasmo co que a Xunta acolle esta medida é tamén un motivo de alarma para a plataforma SOS Sanidade Pública cuxo voceiro, Manuel Martín, lamenta que Galicia teña un Goberno que "ademais de mentireiro, é cruel coa súa cidadanía". Para Martín, médico de profesión, esta "nova taxa" non só supón "un novo imposto par a xente máis feble económica e sanitariamente", senón que tampouco ten "unha xustificación racional". En conversa con Praza Pública explica que neste caso non cabe xustificar a medida como unha vía de "racionalización", toda vez que son medicamentos subministrados no hospital previa prescrición facultativa, polo que "non hai ningún abuso". "Tampouco ten unha racionalidade económica, porque a recadación tampouco vai significar nada para o sistema sanitario".
SOS Sanidade advirte de que a medida non serve para paliar o uso abusivo de medicamentos nin para recadar grandes cantidades
Se non serve para frear o consumo médico nin tampouco para "conseguir máis cartos", cal é o obxectivo? A xuízo de SOS Sanidade o Ministerio persegue unha finalidade "exemplarizante", "amosarlle á UE e á troika, que seguen esixindo reducións de gasto público, que son quen de calquera cousa, entre elas, facerlle pagar a esta pobre xente uns cartos que non teñen ningún sentido". A resolución ten tamén, en opinión de Martín, "un afán desmoralizador para a cidadanía". Trátase de que "non haxa a máis mínima dúbida de que van seguir aplicando con carácter firme os recortes de atención sanitaria"
Neste contexto, a poucos días da entrada en vigor do novo sistema SOS Sanidade advirte dos prexuízos que lle pode causar ás persoas que o van sufrir, "enfermos cunha saúde moi quebrantada" e cunha economía precaria, xa sexa por seren pensionistas ou por estaren no paro, precisamente, a causa destas graves enfermidades. "Vólvese poñer en perigo real a saúde das persoas" e ante isto, critica, "Núñez Feijóo" amosa un "talante neoliberal, insensible ao sufrimento da cidadanía" que "castiga os colectivos que deberían ter máis apoio e axudas".