As Perseidas: Observando desde #Galicia

Imprimir
3500868443 4aa5f71e53

As "Bágoas de San Lourenzo", xa están a caer. Mais a súa maior exposición será a partir da noite do 11 de agosto. No Val Miñor están previstas observacións conxuntas e guiadas por expertos o martes no Castro de Chandebrito e o venres na Serra da Groba. Mais o espectáculo é posible de seguir dende calquera recuncho do pais. VM.info falou con Pablo Martínez Alemparte, membro da Agrupación Astronómicas Rías Baixas e colaborador habitual no eido astronómico.

- Ademais do espectáculo visual, a choiva de meteoritos que importancia ten para a Astronomía?.

PM- O estudo das correntes meteóricas permite entre outras cousas saber mais acerca de obxectos ata fai ben pouco tan descoñecidos como os cometas. Hoxe en día unha das liñas de investigación relacionadas con este tipo de fenómenos céntrase sobre todo no rexistro e estudo de Bólidos para determinación de órbitas e a posible recuperación de meteoritos en terra para a súa análise xa que estamos a falar de materiais moi relacionados coa propia formación do Sistema Solar.

- Existe seguimento sobre o volume dos meteoros a súa posible perigosidade de chegar ao chan e impactar?.

PM- Normalmente estamos a falar de partículas moi pequenas como para que exista risco de impacto. Teñamos en conta que eses meteoros que miramos no ceo durante unha choiva como as Perseidas, por moi espectaculares que nos poidan parecer non exceden na súa maioría o tamaño dun grao de area e que a nosa atmosfera segue a facer moi ben ese traballo de escudo protector incluso coas partículas algo mais grandes que dan lugar aos Bólidos.

Si existen, sen embargo, programas internacionais de búsqueda e seguimento de obxectos de natureza asteroidal, os famosos NEO´s (Near Earth Objects) cuxos tamaños e órbitas próximas á Terra si poderían resultar preocupantes nalgún momento. De feito un dos proxectos no cal se traballa dende o Observatorio Astronómico de Forcarei ten que ver coa búsqueda deste tipo de obxectos.

- Hai antecedentes diso durante o período das Perseidas?.

PM- Existen antecedentes de impactos na Terra pero non directamente relacionados con choivas de meteoros. Penso que todos recordamos o famoso "Evento Chelyabinsk" no 2013 ou sen ir tan lonxe o "Bólido Villalbeto de la Peña" que deixou varios fragmentos diseminados pola provincia de Palencia en 2004. A chegada a terra deste tipo de material en forma de meteoritos é algo que ocorre de xeito moito mais habitual do que pensamos, pero a Terra e grande e boa parte dela despoboada.

- Que recomendacións facilitan un maior disfrute da observación?.

PM.- Existe unha serie de consellos básicos para realizar este tipo de observacións astronómicas. O primeiro e máis importante é afastarnos da contaminación lumínica o máximo que nos sexa posible, desprazándonos a lugares sen iluminación artificial e onde os grandes núcleos de poboación nos queden lonxe.
A observación de meteoros non require de ningún instrumento óptico e o mellor que se pode facer é deitarse comodamente de tal xeito que coa nosa vista poidamos abranguer a maior área de ceo posible, xa que aínda que o radiante desta choiva de meteoros se sitúe na constelación de Perseo, poderemos observar meteoros en calquera parte do ceo.
Algo de abrigo por se refresca e algún refrixerio tampouco estarán de mais para facer desa noite de observación unha velada cómoda e agradable.