As Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo: unha festa que celébrase no firmamento.

Imprimir
Perseida

Como cada ano, o mes de agosto tráenos unha desas citas co ceo nocturno en forma dun fenómeno que popularmente coñecemos como "choiva de estrelas fugaces".

As choivas de meteoros prodúcense cando a Terra na súa órbita arredor do Sol, atravesa un tubo meteórico ou zona repleta de pequenas partículas (meteoroides), cuxo tamaño non adoita superar o dun gran de area ou mesmo menor e que foron liberadas por un cometa en sucesivos pasos anteriores. Cando unha destas partículas, que formaron no seu día a cola do cometa, entra na atmosfera terrestre, a fricción quéntaa ata vaporizala a gran altura (uns 100 km). Durante uns segundos, a partícula brila de forma intensa e precipítase a través da atmosfera terrestre dando lugar ao fenómeno que coñecemos como meteoro ou "estrela fugaz".

En ocasións, cando a partícula ou meteoroide supera ese pequeno tamaño do gran de area, o seu brillo ao entrar en contacto coa atmosfera da Terra pode alcanzar e superar a Magnitude Aparente -4´4 (Magnitude Máxima do Planeta Venus) e cando isto acontece chamámolo "Bólido", que son sen dúbida o prato forte de toda choiva de meteoros.
As Perseidas ou "Bágoas de San Lourenzo" xa se deixan ver no ceo dende a última semana de xullo pero será a noite do mércores 12 ao xoves 13 de agosto cando alcancen o seu máximo de actividade, ofrecendo unha Taxa Horaria Cenital (THZ) de 100 meteoros, segundo as previsións de organismos como o International Meteor Organization (IMO).

Os meteoroides desta choiva anual proveñen da cola do Cometa Swift-Tuttle, que ten un período orbital de 130 anos e cuxo paso máis recente polas proximidades do Sol se produciu no ano 1992.

As condicións de observación para as Perseidas de 2015 son moi boas xa que o máximo se producirá apenas dous días antes da Lúa Nova e polo tanto, poderemos gozar de ceos ben contrastados para a observación mesmo dos meteoros máis débiles. Con respecto á hora do máximo, existe certa discrepancia entre as primeiras e as últimas horas da noite do 12 ao 13 de agosto, pero isto non debe ser ningunha preocupación xa que podemos asegurar que ao longo de toda esa noite poderemos observar Perseidas sempre e cando as nubes o permitan.

Teñamos en conta que a THZ de 100 meteoros fai referencia ao máximo de meteoros observables baixo as mellores condicións posibles.