Anuncian proxectos de recuperación, divulgación e turismo nos castelos e castros da provincia de Pontevedra.

Imprimir
castro-de-santa-tegra-vista

A Deputación anuncia proxectos de recuperación e divulgación dos xacementos arqueolóxicos da provincia.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o proxecto de recuperación dos xacementos arqueolóxicos da provincia cun grupo de arqueólogos e traballadores cos que o deputado Santos Héctor mantivo unha reunión a semana pasada. Serán 18 os castros intervidos no proxecto de recuperación dos xacementos arqueolóxicos da provincia.
Á vez, a presidenta provincial Carmela Silva manifestou a necesidade de promover os castelos da provincia de Pontevedra. Silva, xunto ó deputado Carlos López Font, fixo onte un percorrido para coñecer as instalacións do castelo de Soutomaior, que depende da Deputación.

Xacementos arqueolóxicos
Os traballos de recuperación e limpeza de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia "comezarán de inmediato", avanzou o deputado Santos Héctor. Engade que o proxecto pretende dar "un maior alcance á cultura galaico-romana de toda a provincia desde o punto de vista científico e turístico".
As actuacións realizaranse en 18 localizacións: Santa Trega (A Guarda), Castro de Troña (Ponteareas), Monte do Facho (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo), Adro Vello (O Grove), Monte do Castro (Ribadumia), Porta de Arcos (Rodeiro), Castrolandín (Cuntis), A Cabeciña (Oia), A Subidá (Marín), Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), Alto dos Cubos (Tui), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Coto de Altamira (As Neves), Igrexa Vella (Valga), Castro de Penalba (Campo Lameiro), Castro de Pena Redonda (Ponte Caldelas) e Castro de Toiriz (Silleda).

O traballo básico que se realizará nestes asentamentos será a súa limpeza, o mantemento e a conservación das estruturas existentes, a accesibilidade e sinalización, a escavación, e a musealización e restauración.

Tamén se pretende facer unha cartografía dixital de todos os asentamentos cunha reprodución en 3D que permita unha mellor comprensión de todos os xacementos.

Por último, o proxecto contempla a promoción turística destes xacementos como unha oferta cultural complementaria ás xa existentes na provincia de Pontevedra.

Castelos
Carmela Silva sinalou que o castelo de Soutomaior e os seus xardíns teñen un valor histórico e paisaxístico moi importante "e coidamos que temos que facer unha análise seria para coñecer todas as potencialidades que teñen estas instalacións".
"Temos que mellorar -continuou Silva- porque coidamos que non hai unha política de promoción e comunicación deste castelo moi adecuada, porque non só ten valor por si mesmo senón unido ó resto dos castelos da provincia para a súa promoción en conxunto".

A presidenta considerou tamén a posibilidade de facer unha musealización dos castelos para convertelos nunha referencia turística e histórica na provincia.