Sábado, 14 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Ciencia Entrevista a César Ayres, o científico galego que investiga o “ébola dos anfibios”

Entrevista a César Ayres, o científico galego que investiga o “ébola dos anfibios”

Correo-e Imprimir PDF
Ayres C
ebola anfibio
IridoGz1
marmoratus2 CB
mau1
  • Anterior
  • 1 of 5
  • Seguinte

"Galicia non reacciona axeitadamente aos problemas ecolóxicos", advirte o herpetólogo César Ayres, o galego que integrou o equipo británico-español que está a estudar os patóxenos "ranavirus" que afectan á península ibérica.

Este científico galego foi quen achegou as primeiras mostras ao Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC) en 2010 e dende entón, encárgase de xeito voluntario e altruista, de seguir periodicamente a evolución do patóxeno no encoro pontevedrés de Pontillón de Castro.

Ratifica que estes virus están a extinguir poboacións enteiras de anfibios. Sen embargo, salienta que Galicia non conta aínda con protocolos nin medidas de prevención por parte da Xunta, a pesar de que a administración coñece da súa existencia dende 2010.

A súa implicación no tema comeza case de xeito casual. Na primavera de 2010 o SEPRONA recibía da fotógrafa Lupe Bicos unha denuncia pola aparición de centos de exemplares de pintafontes mortos na beira norte do encoro. Ayres, que daquela traballaba monitorizando a calidade das augas, foi enviado a analizar as do encoro de Pontillón de Castro na procura dalgún vertido. Obviamente, preocupaba unha posible contaminación que afectara ás persoas. Mais nese senso non apareceu nada. Na súa calidade de herpetólogo, Ayres atopou que esas mortes masivas de pintafontes non eran normais. Colleu unha mostra dos especímenes mortos e achegoulla ao científico Jaime Bosch, experto do Museo Nacional de Ciencias Naturales (Madrid). O veredicto foi o peor dos esperados: as mostras contiñan patóxenos emerxentes coñecidos como "ranavirus", o "ébola dos anfibios", pola súa pegada letal.

Inmediatamente advertiron da situación á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Sen embargo, e dende esas datas de 2010, non se instrumentaron protocolos nin medidas de prevención ou control.
César Ayres leva facendo voluntariamente un seguimento e control do encoro dende fai cinco anos, xa que foi incluído no programa de Seguimento de Anfibios y Réptiles de España (SARE). O primeiro con viaxes semanais durante os picos máis altos de mortaldade, para posteriormente rebaixar o número de visitas ao encoro. O respaldo científico o achegan dende o equipo do MNCN e a Asociación de Española de Herpetología (AHE). O peso económico da investigación e seguimento do patóxeno recae só neste investigador galego, que voluntariamente mantén informado a científicos e administracións do que está a acontecer en Galicia.

O ébola dos anfibios

Estes ranavirus son "complicados de illar", puntualiza Ayres. Engade que son altamente resistentes a desinfectantes e ao calor. Por riba, instaláronse nun encoro de gran tránsito humano. No Pontillón practicase piragüismo, ciclismo, sendeirismo e pesca. Milleiros de persoas transitan as súas beiras en paseo, tomando fotografías e moitas veces manipulando a fauna.
Sinala que o ranavirus os utiliza como medio de expansión: calzado, roupas de augas, botas de pesca e instrumentos que estiveron na auga ou en contacto con animais afectados convértense en novos focos de contaminación que propagan o patóxeno a outros ríos. 

O virus chegou ao encoro de Pontillón de Castro practicamente ao mesmo tempo que aos Picos de Europa, a máis de 200 quilómetros de distancia. "Agora, non hai certeza nin estudos de onde máis podería estar aniñando, pero é moi posible que haxa outros casos non detectados", puntualiza o investigador.