Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Ciencia Os virus que están a exintiguir poboacións enteiras de anfibios xa están ás portas das turbeiras do Val Miñor.

Os virus que están a exintiguir poboacións enteiras de anfibios xa están ás portas das turbeiras do Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
anfibios

Dous virus detectados no norte de España están a causar a morte masiva de varias especies de anfibios, algúns deles catalogados como ameazados e a piques da extinción.

O problema detectado no ano 2005 no Parque Nacional de Picos de Europa acaba de ser localizado por un grupo de investigadores españois e británicos no Encoro de Pontillón de Castro, en Pontevedra, segundo da conta este venres o portal científico Materia

Estes patóxenos coñecidos como “ranavirus” causan a morte de milleiros de exemplares ao ano e chega a producir a extincións de poboacións enteiras nos ecosistemas afectados. A súa localización a menos de 50 quilómetros do Val Miñor esperta gran preocupación pois o patóxeno amosa estar en expansión.

Os investigadores identifican aos culpables destas “mortes en masa” como dous "ranavirus" da mesma familia. Trátase de patóxenos emerxentes que infectan a peixes, réptiles e anfibios e que nestes últimos causan unha enfermidade letal, da que xa se fala como o “ébola dos anfibios”.  Trala súa aparición nos Picos de Europa e recente detección no Encoro de Pontillón, a máis de 200 quilómetros de distancia, os especialistas creen que a explicación máis axeitada para a propagación do virus é a intervención humana. Estes ranavirussobreviven na auga , pero tamén son moi resistentes a ambientes secos e temperaturas altas, poden adherirse ás patas dun animal, ás botas dun montañeiro ou a unha piragua, sobrevivir semanas e así saltar de zona, incluso de país” explica Jaime Bosch, do Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN)  e membro do equipo que elaborou o informe.

O Val Miñor: Os “fungos malditos” e agora o “ranavirus” unha ameaza para as turbeiras.

A pesar da recente aparición do patóxeno en Galicia, a ameaza aos ecosistemas do Val Miñor non é noticia para os especialistas da zona.  Dende hai anos unha serie de “fungos malditos” colonizaron varias turbeiras e pozas da bisbarra provocando morte e declive na poboación de anfibios locais. En especial o fungo Batrachochytrium dendrobatidis sobre o cal se están facendo grandes esforzos por estudar e combater en todo o continente europeo dende 2012.

Xilberte Manso (IEM), sinala que dende hai anos existe preocupación pola detección dos “ranavirus” en parques naturais e amplas zonas de América. A chegada era cuestión de tempo. Nese senso sinalou a importancia de tomar as maiores precaucións e facer un seguimento de verdadeiros paraísos naturais poboados de anfibios na bisbarra.

O técnico ambiental, Afonso Rodríguez González,  sinala as turbeiras da Chan do Cereixo en Gondomar, as de A Valga, así como as pozas estacionais localizadas nos cumes das serras da Groba e o Galiñeiro. Todas elas poboadas por diversas especies de anfibios algúns case únicos en Galicia como o sapo de esporóns, verdadeira xoia da fauna galega redescuberta recentemente na Groba.

Engade outras especies ameazadas como a rabilonga e outras píntegas, o sapiño comadrón, a ra das veigas, o sapo corriqueiro, a ra estroza (catalogada como vulnerable), a patilonga e a verde común, todas especies da fauna galega presentes nestas zonas do val. Todas elas de gran importancia no ecosistema como consumidoras de lemas, insectos e outras pragas, á vez que alimento doutros depredadores como as serpes acuáticas (cobras de auga). Esta última aparentemente tamén afectada de xeito mortal polo patóxeno segundo o atopado no encoro pontevedrés.

Rodríguez González sinala que existe un declive anfibio a escala planetaria por mor de diversas causas, entre as que se atopa as intervencións irrespectuosas do home, os fungos e agora este patóxeno viral. Explica que os anfibios pola particularidade da súa pel carente de proteccións como pelo ou escamas os fai particularmente febles e desprotexidos. De feito son utilizados como bioindicadores, a súa presenza ou desaparición alerta aos investigadores sobre as condicións dun medioambiente determinado.

Contaxio: Un virus que salta entre especies

O equipo anglo-español resalta a importancia de estudar estes virus capaces de saltar entre especies, unha capacidade que os asemella a outros patóxenos como o ébola ou o VIH. Sinalan que os  ravirus tamén se transmiten por contacto entre animais infectados e causan fortes hemorraxias e danos en varios órganos internos, uns síntomas “similares aos do ébola”, di Bosch. Os ravirus solo afectan a animais de sangre fría e neste caso tamén hai portadores que non amosan síntomas: os peixes. De feito a  reintrodución de troitas ou salmóns tamén supoñen un risco xa que basta que o virus estea na auga  para poder contaxiar a anfibios”, apunta Bosch .

A Xunta foi alertada.

Tanto as autoridades do Parque Nacional de Picos de Europa como da Xunta de Galicia están advertidas do problema, asegura o investigador do MNCN. No Parque Nacional incluso barallaron a posibilidade de valar os lagos onde hai brotes para evitar a diseminación do virus, aínda que até o de agora non se tomaron medidas concretas. Bosch recoñece que conter un virus como estes é “complexísimo” pero si sinala que hai unha mensaxe clara para a xente que visita estas zonas de montaña: “é importante non coller animais e levalos para soltalos noutro lugar”.

Os espertos miñoranos tamén salientan a importancia da implicación das administracións públicas, que dende hai varios anos non teñen a conservación da natureza entre as prioridades políticas. Engaden que a captura de anfibios está especialmente prohibida en Galicia. Salientan que é preciso reaccionar con urxencia, especialmente na posta en marcha dos plans de conservación,  rescate e censos aos que están obrigados por lei e que ultimamente están esquecidos ou demorados pola Xunta de Galicia.