Todas as persoas que se acheguen esta fin de semana polo salóns do Hotel Miramar terán a posibilidade de participar dunha experiencia moi singular. Espallados entre os brancos manteis do salón de banquetes, máis de 70 pezas e aparellos científicos convidarán a achegarse ao mundo da ciencia e a tecnoloxía. A mostra, organizada polos enxeñeiros María José Gil e mais Jesús Fernández Alonso, converterá así a este senlleiro edificio do Lourido nun verdadeiro gabinete das marabillas, que atrapará a curiosidade de grandes e pequenos. Baixo o lema “prohibido non tocar”, os obxectos poderán ser manipulados, “porque a proposta é achegar a ciencia en movemento”, sinalan os fornecedores. Con entrada gratuíta, a mostra estará aberta ao público os días venres, sábado e domingo de 10 a 14 horas nas mañás, e de 16 a 20 horas pola tarde.
“O museo ten por obxecto divulgar a ciencia entre calquera persoa, especialmente entre os adolescentes”, sinala Jesús Fernández. Agrega que a exposición artella espazos dedicados ao movemento dos corpos; electricidade e magnetismo; natureza; minerais; efectos ópticos;, fractais; líquidos e gases ; materias avanzados ; medicións; motores; enxeño; informática e historia.
Este enxeñeiro industrial, veciño de Gondomar e verdadeiro apaixonado da divulgación científica, leva desenvolvendo este tipo de iniciativas así como conferencias por diversos colexios e institutos de Galicia.