Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Ciencia Estúdase o aproveitamento enerxético das microalgas para biocombustibles e depurar augas.

Estúdase o aproveitamento enerxético das microalgas para biocombustibles e depurar augas.

Correo-e Imprimir PDF
Campos de cultivo de microalgas

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, desenvolveu o pasado martes 10, na EGAP unha xornada informativa sobre o proxecto europeo EnerBioAlgae no que participa como socio e que se basea no aproveitamento enerxético da biomasa en recursos hídricos degradados ricos en microalgas.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, que inaugurou o encontro, destacou que “esta iniciativa é o resultado dunha reflexión en torno á necesidade de avanzar na investigación e no desenvolvemento de novas formas de enerxía limpa, que minimicen o impacto ambiental e que aseguren un desenvolvemento sostible”. “Con EnerbioAlgae apostamos pola diversificación orientada cara aos biocombustibles de próxima xeración”, incidiu.

Neste sentido Diéguez resaltou a dobre finalidade que ten este proxecto, a de axudar á rexeneración e á recuperación ambiental cunha xestión integrada dos recursos naturais e a de reforzar a aposta polas enerxías renovables, contribuíndo á diversificación enerxética, á diminución da dependencia dos combustibles fósiles e tamén a garantir unha subministración enerxética de calidade.

O director do Instituto adscrito a Economía e Industria salientou ademais que “o campo de experimentación das enerxías renovables é unha das razóns de ser principais do Inega, que nestes momentos participa noutros proxectos europeos como o de E-SOL, co que se está a potenciar a instalación de enerxías renovables en edificios de titularidade municipal, ou o GE2C´s: Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos, que coordina o Inega e do que acabamos de ter a primeira reunión de coordinación”.

Por último avanzou que o Instituto que dirixe ten previsto participar noutros proxectos experimentais que se levará adiante con fondos europeos para avanzar na aposta da Xunta pola potenciación das enerxías renovables e da eficiencia enerxética.

O obxectivo deste encontro é dar a coñecer este programa europeo que ten como fin analizar as posibilidades de aproveitamento enerxético das microalgas para depurar as augas e para elaborar biocombustibles. Na iniciativa, que se desenvolverá ata finais de 2012, tamén participa a Universidade de Vigo como xefe de fila; a Universidade de Almería; a Universidade de Aveiro (Portugal); a Universidade de Pau et des Pays de l´Adour (Francia) e o Centre National de la Recherche Scientifique (Francia).

O orzamento do proxecto ascende a 666.731,99 euros, dos que o 75% se financian mediante fondos FEDER e o 25% restante mediante achegas dos socios participantes. Os traballos do Inega teñen un orzamento de 153.335,07 euros e céntranse principalmente na localización, identificación e catalogación dos vertidos das augas, na selección do emprazamento máis axeitado para situar unha planta piloto e no deseño e implementación dunha instalación a escala piloto para o cultivo de microalgas e para a obtención de biocombustibles.

A iniciativa, que se incardina no programa de cooperación territorial do Espazo Sudoeste Europeo (SUDOE) Interreg IV B, tratará de axudar á rexeneración e recuperación ambiental cunha xestión integrada dos recursos naturais e ademais potenciará estas áreas achegándolles un valor engadido de servir á xeración de enerxía renovable.

Nunha primeira etapa, que xa se está a desenvolver, un equipo de investigadores localizará ao longo da xeografía galega e do norte de Portugal aquelas augas degradadas ricas en nutrientes onde se poidan realizar procesos de limpeza e recuperación medioambiental. Para isto teranse en conta, entre outros datos, a presenza de contaminantes nas augas, radiación solar anual, temperaturas máximas e mínimas da zona e existencia próxima de instalacións de combustión que permitan aproveitar o CO2 para incrementar o crecemento das microalgas ao mesmo tempo que se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Proxecto piloto

Unha vez localizadas as augas procederase a elixir aquelas cepas de microalgas con maiores posibilidades de desenvolvemento. A partir de aí realizarase un seguimento dos cultivos por parte das universidades de Aveiro, Vigo e Almería onde xa contan cunha ampla experiencia neste tipo de cultivos.

Cos resultados obtidos da análise periódica, na que se medirán a composición, número de células, biomasa, lípidos e calidade das augas, os expertos disporán a finais de 2012 das variables suficientes para idear unha experiencia piloto coa que se tratará de demostrar a viabilidade técnica, económica e ambiental do proxecto, e que se desenvolverá en dous dos espazos do territorio que presenten maior potencial, segundo os estudos previos realizados, un en Galicia e outro en Aveiro.

O programa  desenvolvido

Tras a inauguración, a xornada do martes 10, fíxose un relatorio “O proxecto EnerBioAlgae: obxectivos e plan de traballo”, no que tomaron parte como ponentes os profesores Jesús Torres Palenzuela, da Universidade de Vigo; Francisco Gabriel Acién Fernández, da de Almería; Margarita Coello, da de Aveiro; Frederic Plantier, da Université de Pau et des Pays de l´Adour xunto con Juan Tomás del Puerto Vilas, en representación do Inega.

O encontro tamén abrangueu a celebración dunha segunda mesa redonda co título “As microalgas como fonte de produción de biocombustibles: perspectiva científica, empresarial e da administración”, na que participaron os profesores Jesús Torres Palenzuela e Fernando Neto, das universidades de Vigo e Aveiro; Carlos Díaz García, do Centro de Tecnoloxía de Repsol YPF, xunto con José Manuel Lamela Rivera, en representación da Dirección Xeral de Industria da Xunta de Galicia. O director do departamento de Enerxía e Planificación do Inega, Emérito Freire, foi o encargado de clausurar a xornada.