Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Ciencia O nigranense Saúl Presas Hermida gañador do XVI Concurso Internacional de Deseño Industrial do Moble

O nigranense Saúl Presas Hermida gañador do XVI Concurso Internacional de Deseño Industrial do Moble

Correo-e Imprimir PDF
saul-presas

O deseñador industrial miñorano Saúl Presas Hermida (Nigrán) afincado en Valencia, copou os dous primeiros premios do XVI Concurso Internacional de Deseño Industrial do Moble convocado polo Centro Tecnolóxico do Moble e a Madeira (Cetem). O primeiro premio corresponde a unha mesa versátil e ecolóxica, cuxo prototipo está realizado pola empresa yeclana Río Mobiliario.

O xurado destacou a reutilización de materiais, posto que se pode utilizar un vello taboleiro e convertelo nunha mesa en cuestión de minutos, ao utilizarse unhas patas sen parafusos que non danan a madeira. Estes soportes están realizados con aceiro inoxidable, polo que este material pode ser reciclado ao final do seu ciclo de vida. O premio está dotado con 6.000 euros, tanto para o deseñador coma para a empresa colaboradora.

O segundo premio, realizado pola empresa Manufacturas Alós, corresponde a un estudo portátil que permite conectarse a unha rede eléctrica, o que posibilita poder traballar co ordenador, cargar o móbil ou acender unha lámpada. O terceiro premio, de 1.200 euros, foi para o deseñador Daniel García Sánchez, que colaborou coa empresa Nogal Yecla, co prototipo dunha mesa para dous, que ocupa pouco espazo e de moi doada montaxe. Na categoría de estudantes resultou gañadora a nova Vanesa Moreno, polo proxecto Jirafa, cun aparador artístico e decorativo.

En total, presentáronse 52 prototipos, dos que 34 pertencen á categoría profesional e os 18 restantes á de estudantes. Os premios foron entregados na tarde de onte na Feira do Moble de Yecla, no transcurso dun acto ao que asistiron representantes da CAM e de Cajamurcia -patrocinadores do concurso- así como o director da Información e o alcalde, Juan Miguel Benedito.