A noite do 23 de xuño a asociación Espazo Lectura celebrará, un ano máis, un san Xoán alternativo coa IX Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo que este ano correrá a cargo de Felipe Díaz "Caxoto", que contará uns "Contos de medo que deixan durmir"; xa que logo, unha actuación para todos os públicos.
A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura (Donas) a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa traendo das súas casas algo de comida.
Coa Fogueira dos Versos, Espazo Lectura pecha outra tempada centrada no fomento do libro e a lectura en Gondomar. Durante este período, grazas ao traballo voluntario e desinteresado dos membros da asociación, conseguiu ofrecer de maneira aberta e gratuíta más de 100 actividades dirixidas a persoas de todas as idades.
Todas as actividades de Espazo Lectura retomaranse tras o verán.