O sábado 23 de abril, Día do Libro, entre as 12:00 e as 14:00 horas, Espazo Lectura celebra por noveno ano consecutivo o Dar de ler coma quen dá de beber, inserido dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura 2016. Mantense así a proposta anual de ler e compartir lecturas nun espazo público arredor do Día do Libro. Dende a asociación animan a acudir ao Café Keik (rúa das Ánimas 10, Gondomar), e sentar a escoitar os textos que se van ler.
Dar de ler coma quen dá de beber é unha actividade que toma o seu nome dunha frase do escritor Álvaro Cunqueiro e que Espazo Lectura celebra anualmente arredor do Día Internacional do Libro (23 de abril). Consiste nunha lectura de textos, colectiva e en voz alta, que se realiza nalgún espazo público e na que participan arredor de 30 persoas, que len os textos elixidos por elas mesmas, co ánimo de sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da lectura. Trátase dunha actividade itinerante, que busca levar a lectura a lugares nos cales habitualmente non está presente, apostando por abrir espazos e tempos para a lectura e por facer desta un lugar de encontro.
Unha semana completa de actividades arredor do libro e a lectura
Coa celebración do IX Dar de ler coma quen dá de beber inaugúrase a Semana do Libro a Lectura 2016, cunha completa programación entre os días 23 e 30 de abril:
– Sábado 23 entre as 12:00 e as 14:00h (Café Keik): DAR DE LER COMA QUEN DÁ DE BEBER. Sesión de lecturas compartidas en voz alta. Entrada libre.
– Luns 25 ás 18:00h (Biblioteca Municipal Gondomar): CONTOMAR. Contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos.
– Martes 26 ás 20:00h (Biblioteca Municipal Gondomar): CLUB LECTURAS DEBUXADAS. Cómic proposto: DÉDALUS EN COMPOSTELA (edit. Dep. de Ourense e Fundación Vicente Risco). Contaremos coa presenza do autor, FERNANDO IGLESIAS.
– Mércores 27 en horario escolar (Auditorio Municipal Lois Tobío, Gondomar). Actividade para os CENTROS SOCIO-PROTECTORES DE ESPAZO LECTURA. Espectáculo: ROSA CARAMELO, da compañía TALÍA TEATRO.
– Mércores 27 ás 18:00h (Nogueira 8, Donas). CASA DA LECTURA. Sesión de dinamización lectora (3-10 anos).
– Venres 29 ás 18:00h (Biblioteca Municipal Gondomar). CONTOS EN CUEIROS Sesións de achegamento á lectura dende as cancións, os contos e os xogos (para bebés de 0 a 3 anos). Inscrición previa.
– Sábado 30 ás 12:00h (Biblioteca Municipal Gondomar): CLUB DE LECTURA COMPARTIDA LENDO CONTIGO. Libro proposto: AS TERAPIAS DA DOUTORA LEDICIA (edit. Galaxia). Contaremos coa presenza da autora, RAQUEL CASTRO.