Últimas prazas para participar na Xeira do IEM “Tras os pasos do conde de Gondomar”.

Imprimir

O Instituto de Estudos Miñoranos informa que  quedan unhas poucas prazas para aqueles que desexen participar na xeira por terras de Zamora e Valladolid “Tras os pasos do conde de Gondomar” ,  que guiará o arquitecto Antonio Soliño Troncoso. Até o vindeiro luns 25 de maio ao mediodía estará aberto o prazo de inscrición aínda que pecharase unha vez cubertas as prazas dispoñibles.  Transcríbense as características da viaxe segundo informe do IEM:

CARACTERÍSTICAS DA VIAXE

DATAS: 26-27-28 de Xuño

HORARIO APROXIMADO:

SAÍDA DO AUTOCAR: 9,00 h. do venres 26 -dende a sede do IEM-, en Gondomar.

CHEGADA: Media tarde do Domingo 28, a sede do IEM, en Gondomar.

ITINERARIO

Venres 26: Chegada a Zamora, a través das terras do pan, sobre as 13,00 h. Primeiro contacto cunha "praza maior" como elemento urbanístico recorrente da viaxe. Comida na cidade (por conta de cada quen) e visita guiada polo importante e monumental casco histórico murado con especial énfase no románico. Visita ao "Consejo Consultivo de Castilla y León", exemplo de integración de arquitectura contemporánea de calidade nun casco histórico de alto valor patrimonial. Pola noite, a través das terras do viño, desprazamento á vila de Perdigón (13 Km) para cear -asado nunha antiga adega subterránea- .

Durmida nun hotel céntrico da cidade de Zamora. Abaixo, o río Douro.

Sábado 27:  Almorzo no hotel. Saída ás 9,15 h. cara a cidade de Toro (39 Km), onde foi "Corregidor" Diego Sarmiento. Visitarase o casco histórico murado sobre o Douro, a gran colexiata e entrarase en contacto cos produtos que produce a agricultura da comarca. Comida (por conta de cada quen).

De seguido, sairemos cara á poboación de Tordesillas (36 Km), onde visitaremos o seu casco histórico presidido por unha espléndida Praza Maior. E lembraremos a Juana "la loca", mentres contemplamos como pasa o Douro.

Tras visitala sairemos cara a Valladolid (30 Km).

O chegar, paseo polo Campo Grande e a Praza Maior. Cea nun restaurante da cidade e, posteriormente, descanso nun céntrico hotel.

Domingo 28: Almorzo no hotel e a partir das 9,15 h.visita ao núcleo histórico que acolleu a corte dos Austrias na primeira metade do XVI e primeiros anos do XVII. Nesa época, antes de que a corte se trasladara definitivamente a Madrid, a cidade foi capital do imperio.

Formando parte do antigo núcleo da Corte toparemos a Casa do Sol, palacio mercado polo Conde de Gondomar no que viviu durante un tempo coa familia. A carón del, a igrexa de "San Benito el Viejo" tamén propiedade de D. Diego. Na cripta desta foi enterrado o Conde. Visitaremos ambas as dúas pezas.

Comida (por conta de cada quen). Saída cara ao Val Miñor, con posible parada de descanso e refresco nalgunha poboación de camiño.

PREZOS

SOCIOS: 150 EUROS

NON SOCIOS: 162 EUROS

O prezo inclúe a viaxe en autobús, dúas ceas, dous almorzos e hotel en Zamora e Valladolid. Tamén inclúe todas as visitas polos diferentes monumentos e espazos urbanos que percorreremos. As visitas serán guiadas por Antonio Soliño Troncoso, arquitecto e membro do IEM.

RESERVA: 120 EUROS SOCIOS, 130 EUROS NON SOCIOS (até o día 25 de Maio ao mediodía). A reserva debe depositarse na conta do Instituto de Estudos Miñoranos número 2080.5035.07.3040014164, de ABANCA (ex Novagalicia Banco). Logo reenviar o comprobante ao enderezo electrónico oficina@minhor. org,  As reservas farémolas por rigorosa orde de chegada

As habitacións son dobres -se algunha persoa desexa estar soa deberá abonar 18 euros por noite a maiores-.

Queda a disposición para maior información o teléfono 627276816 , de  Pablo Casal, coordinador das Xeiras Alén Miñor.