Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Presentación do libro “Mil Ríos” de Manuel Sendón e Fran Herbello no IEM.

Presentación do libro “Mil Ríos” de Manuel Sendón e Fran Herbello no IEM.

Correo-e Imprimir PDF
portada-33k

Manuel Sendón presentará este xoves 9 de abril, ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas,  Mil ríos, libro feito en co autoría co tamén fotógrafo Fran Herbello no que documentan 34 expedicións en piragua polos ríos de Galicia. A obra, de 324 páxinas, contén textos introdutorios a cargo Pedro de Llano e Federico López Silvestre,e 224 imaxes captadas ao longo desta aventura acompañadas coas súas respectivas bitácoras e gráficas do percorrido.

Decidimos percorrer os ríos, achegarnos ao descoñecido dende o que a nós nos resulta máis familiar, o mar. Subir a corrente ata onde nos sexa posíbel para así botarlle un pulso amigábel: de ti a ti. Como non facelo  no  “país dos mil ríos”?” comentan os autores na web onde reflectiron paso a paso esta aventura.

Sinalan que ao longo de tres anos navegaron nunha piragua amarela de tres metros e medio “que nos deixa o corpo amolado aos 20 minutos  e que o adormece ás dúas horas”, mais  que permitía enfrontar a viaxe cun punto de vista moi próximo á auga, “no seu mesmo plano”.

Os fotógrafos decidiron autoeditar o libro tras as negativas de la Consellería de Cultura e a  Deputación de Pontevedra, segundo dan conta. Nel achegan historias que serán presentadas o vindeiro xoves, como a imprevisible perda dun dos móbiles con cámara que lles axudaba a documentar a expedición no río Xallas. O dispositivo estaba conectado a unha nube controlada polos autores e comezou a aparecer nesta unha serie de imaxes tomadas pola persoa que atopou o aparello días despois. Parte delas foron seleccionadas e integran o libro.

O acto contará cunha presentación a cargo do botánico Xosé Ramón García, membro da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos.