Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Os coros tradicionais Toxos e Froles e Cantares do Brión celebrarán o IV Cantares no Miñor

Os coros tradicionais Toxos e Froles e Cantares do Brión celebrarán o IV Cantares no Miñor

Correo-e Imprimir PDF

550CANT BRION FOT

O vindeiro sábado 7 de marzo terá lugar o IV Encontro de coros tradicionais "Cantares no Miñor" que organiza Cantares do Brión. Nesta ocasión o grupo invitado é o Real Coro Toxos e Froles (Ferrol) quen este ano conmemora o seu primeiro centenario. Será a partir das 19:30 horas no Auditorio Afundación (entrada por Marqués de Valladares) de Vigo. Entrada de balde até completar prazas.

550TOXOS FOT PRENSA
Toxos e Froles e Cantares do Brión interpretarán pezas significativas dos seus repertorios respectivos, en base a composicións populares e outras de autor, dos primeiros anos do pasado século unhas e de nova creación, contemporáneas, outras. Boa parte delas incluídas nos discos que ambas as dúas agrupacións gravaron e editaron o pasado ano: "100 Anos" é o título do CD de Toxos e Froles, e "Arruídos" o de Cantares do Brión.
A sección de Teatro de Cantares do Brión vai representar unha pequena peza, "Diálogo da gharsa e o brión", baseada na lenda da Touba do Brión, localizada na serra do Galiñeiro.
Os encontros de coros tradicionais, CANTARES NO MIÑOR, que anualmente organiza Cantares do Brión, o coro radicado en Vincios (Gondomar), celébranse desde o ano 2012 para potenciar e dar a coñecer a música galega de raíz popular na súa expresión coral.
En anos anteriores, os coros invitados foron: Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela; a Coral De Ruada, de Ourense; e o Coro Aimil, de Xinzo de Limia.
En 2011 acudira a Vincios o coro Cántigas da Terra, que apadriñou a Cantares do Brión na súa presentación pública oficial. Nesta edición colaborará a Deputación de Pontevedra.