Presentación de Acuática alma, último libro de poesía da escritora gondomareña Marta Dacosta

Imprimir
martadacosta

 

 O vindeiro xoves 29 de decembro de 2011, ás 20:30 h., terá lugar, na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar), a presentación do último libro da poeta gondomareña Marta Dacosta: Acuática alma, editado por Espiral Maior.

 Na presentación participarán Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, o escritor e director da sección de letras do IEM, Miguel Anxo Mouriño e a propia autora.

A presentación rematará cun recital dalgúns dos poemas do libro por partes dos mozos Duna Corredoira e Aldán López así como por parte da autora.

 Marta Dacosta, veciña de Peitieiros, Gondomar e membro da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos ten xa unha longa traxectoria poética, entre a súa obra podemos salientar: Crear o mar en Compostela (1994, 2004), Pel de ameixa (1996), Setembro (1998), En atalaia alerta (2000), As Amantes de Hamlet, (2003).

A súa obra está recollida en diversas antoloxías e foi traducida ao ruso, ao catalán ou ao español. Recibiu os premios: González Garcés 1995, Martín Códax 1998 e o accésit do premio Esquío en 1999, entre outros. Publicou o libro de viaxes Baixo Miño, 2009, e o folleto Un mar de mulleres, libro para a exposición do mesmo título, 2011. Autora de varios artigos sobre terminoloxía da natureza ou toponimia relacionada cos mamíferos mariños, investigou sobre a sintaxe do galego medieval: A coordinación no galego medieval (tese de licenciatura inédita). A súa reflexión literaria céntrase no papel da muller escritora, na súa xeración ou no significado simbólico do mar na poesía galega e ten analizado a obra de autores como Manuel María, Victoriano Taibo ou Méndez Ferrín, sobre o que publicou a guía de lectura: Análise práctica de Con pólvora e magnolias, X. L. Méndez Ferrín. Desde 2004 colabora con diferentes medios de comunicación.