A Asociación Cultural San Roque de Morgadáns, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos, editou un libro de fotografías antigas ilustradas con textos baixo o título de Morgadáns, o andar da pedra.
A presentación do mesmo será hoxe sábado, 18 de decembro, ás 19.30h no local da Asociación Cultural San Roque, no Torreiro de San Roque en Morgadáns.
Durante dous anos a Asociación Cultural San Roque de Morgadáns recolleu entre os veciños da parroquia preto de 500 fotografías que abranguen dende o remate do século XIX ata mediados do século XX. No seu momento organizaron unha exposición de aproximadamente 40 reproducións, en papel, mentres que a totalidade se proxectaban en formato dixital.
Na publicación recóllense unha nova selección de 72 fotografías acompañadas de textos escritos por veciños e veciñas da parroquia.
Este libro é un novo volume da serie de libros de fotografías comentadas iniciada coas publicación referidas ao Val Miñor: Imaxes para a memoria; Baiona nas ondas do tempo e Gondomar, o son do río así como o Memorias de Couso.