Alberto Lema na Biblioteca de Gondomar.

Imprimir
Unha-puta-percorre-europa

Como tódolos meses o club de lectura Sete Vidas reúnese para compartir e debater as obras literarias clásicas e novas escritas en lingua galega. O próximo martes 14 de decembro tocará quenda ao escritor nado en Bamiro (1975) Alberto Lema. Ás 20 horas os membros do club compartirán experiencias e comentarios sobre a lectura da novela de Lema "Unha puta percorre Europa". Unha hora despois, o autor dialogará coas persoas presentes. A xuntanza é na Biblioteca de Gondomar no primeiro andar da Casa da Cultura do devandito concello.

 

O club de lecturas Sete Vidas é unha actividade da Asociación Espazo Lectura. As reunións son de balde e abertas a todos aqueles que desexen participar. Unha posibilidade cultural que coloca ao Val Miñor na vangarda no que a divulgación da lectura e participación dos lectores respecta no país. Proba diso é a chegada mes a mes de lectores tanto da bisbarra miñorana como de varios puntos da área metropolitana de Vigo. Os encontros do club tamén son moi valorados polos propios editores, escritores ou tradutores das obras que ten a posibilidade de escoitar de primeira man as opinións que seus traballos xeran no público.

A dinámica do club baséase na lectura dun texto e unha reunión mensual onde se intercambian opinións e puntos de vista sobre a obra elixida. Actualmente o integran persoas de diversas profesión, idades e tamén nacionalidades, o que fan que cada xuntanza unha fonte permanente de enriquecemento cultural. Como non podía ser doutro xeito, logo de cada sesión o faladoiro continúa en algunha taberna gondomareña .