Presentado o novo digalego.com con máis de 65.000 entradas

Imprimir
digalego

O conselleiro de Cultura destaca o paso para o idioma que significa o poder acceder gratuitamente e desde calquera lugar a este dicionario.
Galicia xa ten un dicionario galego máis actualizado. Trátase do Digalego.com, enciclopedia online que conta con máis de 65.000 entradas e foi editado pola Editoria "Ir Indo", que coordina Bieito Ledo.

Esta publicación engade datos adicionais ao seu número de entradas, como a etimoloxía dos termos, a tradución a sete idiomas destes, un glosario de sinónimos e antónimos e a conxugación de todos os verbos incluídos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, foi o encargado de presentar, xunto á directora de Amtega, Mar Pereira, e o propio editor, Bieito Ledo, este dicionario que xurdiu en 2003, como un derivado da Enciclopedia Galega Universal, e cuxa versión web foi recibindo progresivas melloras e achegas.

Román Rodríguez coincidiu co editor en sinalar a importancia desta ferramenta nun "momento de pleno cambio", no que as tecnoloxías de transmisión da información e do coñecemento están en constante renovación.

Ademais, precisou que Digalego.com servirá para "facilitar que o galego se utilice" e para profundar, así mesmo, na súa "internacionalización", grazas ás múltiples traducións que ofrece. Así, destacou tamén a "democratización" e o "modesto", aínda que "non menor", paso para o idioma que significa o poder acceder gratuitamente e desde calquera lugar a este dicionario.

De Galicia Confidencial (AMEGA)