Presentación do libro “Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014”, de Carlos Méixome Quinteiro

Imprimir
2capa-libro-carlos

Os relatos, artigos e reflexións que durante máis dunha década deste século XXI publicou o historiador e director do IEM, Carlos Méixome Quinteiro,  en diversos medios do país chegan agora reunidos nun único exemplar auto-editado:  Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014. Obra escrita por un “galego sen complexos”, en palabras de Antonio Araújo Quintas (prologuista) que reflicte o exercicio do dereito “a explicar o Mundo dende aquí”, e sen o medo a “se contaminar implicándose como historiador nas cousas do mundo real”. Sentenza á que engade no prólogo que “Hoxe a maioría das súas hipóteses ou análises son realidades confirmadas e contrastadas pola vía dos feito”.

Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014. será presentada o vindeiro venres 27 de marzo ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, Nº10, baixo, Gondomar), nun acto que  coordinará o subdirector do IEM,  Xosé Lois Vilar e contará coa presenza do ex alcalde de Gondomar, Antonio Araújo Quintas e do autor.

“Este libro é o resultado, en sentido estrito, da miña particular e xubilosa cronoloxía”, sinala o autor na Excusatio que xustifica a aparición de Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014. Engade Carlos Méixome  que xuntar “nun libro artigos xa publicados semella unha necesidade superflua, agás no caso, que non é, da procura dunha rendibilidade económica. Quedan pois dúas xustificacións para este exceso: o prurito do autor ou o intento de constatar que unha serie de artigos breves, escritos ao longo de moitos anos, teñen unha coherencia de pensamento e non obedecen á oportunidade do momento. Estas dúas razóns son do caso”.

Do libro

Co nexo común da cultura galega e da acción política nacionalista recóllese unha serie de textos que o autor denominou Follas voadeiras, polo seu carácter inmediato e Daquí e dacolá  polos diversos medios en que foron publicados (A Peneira, A Nosa Terra, Tempos Novos, Valminor.info, Galicia Confidencial), aos que se suman escritos de carácter político, epistolar ou de lectura pública.

Publicados entre 2001 e 2014, os textos xornalísticos e políticos ademais dos estritamente culturais, nel recollidos non perderon actualidade e deixaron entrever a continuidade, e os cambios, no pensamento do autor.

Do autor

Carlos Méixome Quinteiro (Lalín, 1954), estudou Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Santiago e foi profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario ata a súa prexubilación.

Ten traballado en cuestións internacionais sobre as que ten publicado unha gran cantidade de artigos e,  en colaboración O conflito dos Balcáns. A ex-lugoslavia (Irindo, 1994); Rusia das orixes á crise dun modelo (Irindo, 1996); e Cuba, independencia e revolución (Edicións do Cumio, 1998).

Sobre historia contemporánea publicou: Textos e documentos para a historia contemporánea de Galicia. Século XX (Edicións do Cumio 1999) e Castelao: Unha historia do nacionalismo galego (Edicións do Cumio 2000), e Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira (IEM, 2014).

Estudou a represión franquista no sur da provincia de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor, sobre o que ten publicado unha gran cantidade de artigos en diversas publicacións e libros colectivos.

Militante nacionalista dende hai corenta anos. Durante a década dos setenta participou activamente no movemento estudantil nacionalista ERGA. Membro electo do primeiro Consello Nacional do BNG na Asemblea de Riazor en 1982, organismo ao que pertenceu durante a década dos oitenta. Participou na fundación de ANOVA-IN e foi membro da súa comisión permanente ata a súa dimisión en febreiro de 2014.

É director do Instituto de Estudos Miñoranos dende a súa fundación en outubro de 1999.