“O caderno amarelo” de Lara Rozados: unha radiografía xeracional en 22 poemas.

Imprimir
caderno-amarelo

Con O caderno amarelo, é un libro “que pode lerse como unha radiografía xeracional” sinala a acta do xurado do VII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns, que  escolleu este poemario  da xornalista Lara Rozados como gañador do certame. Engade que a través deste discurso poético “vemos debullar ante nós os principais desafíos no social e no íntimo da mocidade galega contemporánea”. O libro será presentado este sábado 15 de novembro ás 19:30 horas na Escola de Guillufe (Morgadáns), no acto cultural que dará marco á sétima entrega consecutiva do premio.

Será o primeiro libro publicado de Lara Rozados Lorenzo (Poio, 1982), xornalista e escritora residente en Compostela que  conta xa cunha ampla traxectoria no mundo cultural e literario.

Os 22 poemas  contidos en  O caderno amarelo, acaban de ser editados  polo Instituto de Estudos Miñoranos  en formato libro, ao coidado de Miguel Anxo Mouriño.  Traballo que conta coa colaboración do maquetista Juan Chamorro, e o deseñador  Xosé Manuel Fachal, responsable da capa . A obra está impresa na cooperativa gráfica Sacauntos.

Lara Rozados.

Como xornalista, Lara Rozados traballou nos seus inicios en Vieiros e A Nosa Terra, cabeceiras nas que centrou de maneira especial no xornalismo cultural, ámbito que abandonou para se dedicar ao teatro na compañía Berrobambán. No ámbito do xornalismo a súa sinatura formou parte tamén da redacción do Faro de Vigo na edición do Deza e de Sermos Galiza, onde, entre outros moitos traballos, coordinou o A Fondo especial dedicado a Roberto Vidal Bolaño.

Con Histeria Teatro continúa a súa traxectoria no mundo da arte dramática mentres que no ámbito literario varios textos da súa autoría apareceron publicados en fanzines do Cineclube de Compostela. Participa tamén noutras iniciativas culturais como Itaca ou a plataforma de crítica feminista A Sega. O caderno amarelo será, malia iso, o seu primeiro libro.